Hoxe luns 15 de febreiro ás 20 horas o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19 de Santiago de Compostela unha conferencia titulada “O reto do cancro na actualidade”, que estará impartida por D. Rafael López, Xefe do Servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.
Rafael López é Xefe de Servizo de Oncoloxía Médica e do grupo de Oncoloxía Traslacional do Hospital Clínico Universitario e Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e Profesor Asociado da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela.
Cursou os seus estudos de Medicina na Universidade Autónoma de Madrid e realizou a residencia en Oncoloxía Médica no Hospital Xeral de Asturias, obtendo a especialidade en 1988. Acreditado pola European Society for Medical Oncology (ESMO) en 1989, foi ESMO Fellowship no Free University Hospital de Ámsterdam (Prof. HM Pinedo) en 1990 e 1991. Traballou no Hospital Central de Asturias (Oviedo), no Hospital de Navarra (Pamplona) e foi o creador do Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Txagorritxu (Vitoria). Desenvolve unha importante actividade investigadora con máis de 150 ensaios clínicos como investigador principal e sendo o responsable da investigación traslacional en tumores sólidos que se fundamenta en mama e dixestivo.
Actualmente co grupo de oncoloxía traslacional do IDIS está traballando en células tumorais periféricas e modelos avanzados de biopsia líquida e estudos do proceso de metástase e a súa posible utilización na clínica. Outras liñas de investigación inclúen nano-medicina e modelización. Ademais de á ESMO, tamén pertence á Sociedad Española de Oncología Médica (SEOM), á American Society of Clinical Oncology (Sociedade Americana de Oncoloxía Clínica) (ASCO), á American Association for Cancer Research (Sociedade Americana para Investigación do Cancro) (AACR) e á Asociación Española de Investigación contra el Cáncer (ASEICA). Foi durante a súa presidencia na Sociedade Oncolóxica Galega cando se redactou a Estratexia Galega Contra o Cancro, en colaboración coa División de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde. É autor de máis de 150 publicacións nacionais e internacionais e capítulos de libros e foi ponente en numerosos congresos nacionais e internacionais, entre eles na Estratexia contra o cancro do Ministerio de Sanidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario