O alcalde de Lalín reiterou a solicitude para que a Consellería de Sanidade dote dunha maior cantidade de ambulancias ao municipio “en vista do claramente deficitaria que é a situación a día de hoxe”. Rafael Cuíña realiza esta demanda despois de que unha persoa accidentada tivese que agardar onte máis dunha hora por un vehículo de emerxencias. A demora produciuse porque a única ambulancia que hai en Lalín estaba realizando un servizo no hospital Clínico e só puido volver cando rematou. A outra ambulancia que existe na comarca e que ten a súa base en Silleda tamén estaba en Santiago a esa hora.
Para o alcalde este tipo de situacións volven poñer de manifesto o que este Goberno leva meses denunciando: que a dotación de vehículos de emerxencia “non responde ás necesidades dun municipio das dimensións de Lalín, que ademais é cabeceira dunha comarca de máis de 45 mil habitantes”. As características demográficas e xeográficas do municipio, así como a distancia que hai ata o hospital de referencia na área sanitaria, fan imprescindible que aumente o número de ambulancias.
Neste sentido, Rafael Cuíña lembrou que o Pleno municipal aprobou o pasado mes de outubro, por unanimidade, unha moción na que se pedía que se corrixise este déficit. O alcalde explica que “malia o tempo transcorrido seguimos agardando que a Consellería de Sanidade dea resposta a unha lamentable escenario que nos sitúa como un dos concellos da nosa categoría con peor cobertura e asistencia sanitaria de Galicia”. Cuíña conclúe que “onte, por fortuna, estivemos ante unha situación que non revestía gravidade”, pero “o problema pode darse exactamente igual cando a vida dunha persoa corra perigo”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario