O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Agustín Hernández, acompañado da concelleira Teresa Gutiérrez, realizou unha visita ao barrio de Vite, durante a cal mantivo un encontro cos veciños e veciñas para recoller as súas demandas e preocupacións.
O voceiro popular aproveitou para informarlles de que a Xunta de Galicia aprobará o vindeiro mes a declaración de Área de Rehabilitación Integral xeral para o barrio. Neste senso, explicoulles que a semana pasada mantivo unha reunión na Dirección Xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo para interesarse pola situación, onde lle confirmaron que conta co visto bo e que será aprobada, o que suporá unha oportunidade para paliar importantes carencias no ámbito da accesibilidade. A iniciativa de declaración de ARI foi proposta durante o goberno de Agustín Hernández, en outubro de 2014, para atender a unha demanda histórica do barrio.
Coa declaración de ARI, os propietarios de 1.263 vivendas poderán acollerse ás axudas para este fin e levar a cabo actuacións para a mellora da accesibilidade, sobre todo, no relativo á instalación de ascensores nos edificios e ramplas, así como tamén a adecuación estética exterior dos bloques de vivendas.
Este conxunto, que foi construído nos anos setenta e que está formado por 115 bloques, presenta unha serie de deficiencias que fai necesaria ademais unha intervención inmediata na solución dos problemas de humidade e de filtracións, na implantación de medidas de eficiencia enerxética e na mellora do saneamento e do mal estado das fachadas. O orzamento total para o ámbito ascende a preto de 50 millóns de euros. Tal e como lles trasladou Agustín Hernández, ademais de supoñer un cambio radical para este grupo de vivendas, redundará na mellora da calidade de vida e suporá unha importante rexeneración deste espazo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario