O Concello de Silleda volverá a solicitar á Xunta de Galicia un Obradoiro e Emprego. Baixo o título “Semente de Pedra” preséntase un completo proxecto que prevé contar con tres especialidades: colocación de pedra natural; xardinería e restauración da paisaxe e promoción turística local e información ao visitante, con 10 alumnos/as-traballadores por cada un deles, é dicir ,30 en total.
Este tipo de iniciativas están destinadas a persoas en situación de desemprego, maiores de 18 anos.
En cada unha das especialidades establécense varios módulos e actuacións. O orzamento total da proposta, que será remitida á Consellería de Economía, Emprego e Industria-que convocou as axudas para este ano 2016- é de 268.661 euros, incluíndo a contratación do personal directivo e docente, a contratación dos alumnos/traballadores e os custes de funcionamento e xestión do obradoiro, que tería unha duración de seis meses.
A través das dúas primeiras modalidades formativas –colocación de pedra natural e xardinería e restauración da paisaxe- prevénse realizar dúas actuacións: no entorno da igrexa parroquial de Silleda e na parcela onde se ubicará o Centro de Día Residencial.
No primeiro dos casos proxectase actuar nun entorno urbano, un espazo público de tránsito peonil e integrada nunha céntrica zona, comercial e de ocio. O proxecto busca mellorar este entorno eliminando barreiras e coa dotación de novo mobiliario urbano, entre outros, dando tamén uniformidade a toda a zona.
No tocante á parcela xunto ao recinto feiral na que se construirá o Centro de Día Residencial, plantéxase actuar no ámbito da urbanización interior da finca, creando un espacio exterior de calidade destinado ao paseo e disfrute dos futuros usuarios e visitantes. A proposta, segundo se recolle no proxecto é esencialmente paisaxística. Proxéctanse traballos de canteiría e paisaxismo/xardinería creando socalcos con mampostería, hastiais, ou movendo terras para a creación de estanques e axardinamento do entorno, entre outros.
Inventario de recursos, sinalización e promoción
O terceiro dos eixos de “Semente de Pedra” ten como protagonista ó sector turístico, con diversas actuacións. Así, proponse un módulo adicado á elaboración de fichas de inventario dos recursos turísticos máis destacados, con edicións sinxelas e mesmo noutros idiomas.
A sensibilización da poboación local, para implicar aos veciños e veciñas de Silleda no desenvolvemento turístico do municipio, é outra das liñas de actuación. Neste caso búscase poñer en marcha un programa educativo dirixido a escolares e estudiantes coa elaboración incluso de unidades didácticas que se puideran introducir nos centros educativos a modo de formación complementaria.
A promoción en feiras sectoriais ou difusión e promoción de festas e actividades de interese é outro dos puntos de atención xunto coa elaboración de roteiros temáticos e sinalización de recursos.
Neste último caso búscase, entre outros, crear roteiros patrimoniais que sexan capaces de xenerar ao mesmo tempo outras actividades e revitalizar a zona, ademais de apostar por unha sinalización unificada, e coherente, do conxunto de recursos patrimoniais existentes no termo municipal.
Outra das propostas pasa pola creación de aulas ambientais, para cubrir as necesidades de amosar e interpretar o rico patrimonio arqueolóxico, histórico e paisaxístico de SIlleda.
O alcalde Manuel Cuiña agarda “que dende a Consellería se conceda por fin un obradoiro de emprego para Silleda, logo de varias propostas que non foron aprobadas na pasada lexislatura”, engade.
Así, lembra que dende o ano 2008, cando se celebrou o obradoiro Ponte da Pedra, coa rehabilitación do Muiño de Covián, Silleda non volveu a contar con iniciativas similares.
“Agora presentamos un proxecto moi elaborado e detallado e contamos con que por fin poidamos volver a contar con un obradoiro de emprego, unha iniciativa moi interesante tanto dende o punto de vista formativo, como da inserción laboral”, engade, “sobre todo tendo en conta que ante a actual situación socioeconómica que estamos a vivir, iniciativas coma esta son moi necesarias e beneficiosas para municipios coma o noso”, engade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario