Santiago - Ampliación de horario da ORA no contorno da Praza de Abastos

O alcalde explicou que, con esta modificación, a Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia atende unha demanda da Sociedade Cooperativa da Praza de Abastos "que entende que esta medida garante unha maior rotación de vehículos na área de influencia do mercado, porque ata o de agora moitos coches estaban estacionados no mesmo lugar dende a noite anterior ata as dez da mañá".

Tamén a proposta de Medio Ambiente e Convivencia, a Xunta de Goberno aprobou hoxe un convenio de colaboración entre o Concello e a USC para mellorar a actuación ante situacións de emerxencia. En concreto, o Servizo de Extinción de Incendios do Concello colaborará coa USC en cursos e simulacros, mentres que a Universidade ofertará charlas informativas.

Suspensión temporal de obras en Angrois 
A Xunta de Goberno acordou tamén a suspensión temporal das obras de acondicionamento dunha zona de descanso de peregrino, parque público e parque infantil en Angrois. A empresa responsable dos traballos advertiu que non podería rematalos en prazo porque está pendente de que Gas Natural Unión Fenosa retranquee un poste de subministro eléctrico en BT aérea, e tamén do subministro do mobiliario doado pola Escola de Canteiros de Poio para o parque público.

O alcalde explicou que este material foi doado en virtude dun convenio asinado no seu día entre o Concello e a Deputación de Pontevedra e que tiña como vixencia o ano 2014. Como o mobiliario non se entregou nesa data, agora é preciso renovar o acordo para que a Escola de Canteiros poida subministrar as pezas.

Por último, a Xunta de Goberno aprobou unha proposta da Concellaría de Acción Cultural para solicitar a participación do Concello no programa Ler conta moito 2016. As actividades desenvolveranse nos centros socioculturais de Conxo, Vite, Santa Marta e Fontiñas. O orzamento do programa é de 3.980 euros, dos que 2.985 serán achegados pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta, e os 995 euros restantes, polo Concello.

Ningún comentario: