Arzúa - Creación do premio "Arzuán do ano"

Arzúa engade un novo aliciente á Festa do Queixo. O Goberno Municipal vén de anunciar a creación do premio “Arzuán do ano”, un galardón que nace coa pretensión de homenaxear a aquela persoa ou grupo de persoas do municipio que teñan amosado un compromiso sobresaínte nalgunha boa causa ou ben teñan alcanzado grandes logros no ámbito profesional, cultural, deportivo, educativo… 

O premio marca ademais un punto de referencia para a posta en valor do traballo ben realizado e das metas alcanzadas, motivando aos demais a esforzarse para lograr a excelencia.

O Concello de Arzúa elixiu a celebración da Festa do Queixo como a data idónea para a entrega da distinción, posto que a festa asimila uns valores moi similares aos que se toman en consideración para a elección dos premiados: un arduo traballo, vistosidade, grande esforzo, plena dedicación e moitos outros.

Para a primeira edición deste galardón, cuxa entrega coincidirá coa 41 edición da festa, o Concello de Arzúa entregará o premio “Arzuán do ano” ao clube de fútbol Casino Sociedade Deportiva Arzúa.

Ningún comentario: