Frades - Pleno de organización

O Concello de Frades celebrou este mediodía o seu pleno de organización, logo da toma de posesión como alcalde de Roberto Rey Martínez o pasado 13 de xuño. Unha sesión na que todos os puntos da orde do día foron aprobados cos 8 votos a favor do grupo de Goberno e a abstención do BNG, coa excepción do cambio de día das sesións plenarias.

Roberto Rey anunciou que manterá o mesmo réxime e importe de dedicacións da pasada lexislatura, é dicir, dúas declaracións exclusivas. A primeira será a do propio alcalde, por un importe de 36.190 euros brutos/anuais en 14 pagas. A segunda será a do concelleiro de Economía, Ensino e Medio Rural, Manuel Ferreiro Marzoa, quen tamén asumirá o rol de Tesoureiro tras a xubilación do funcionario encargado desa función. Esta dedicación exclusiva será de 21.777,28 euros brutos/anuais en 14 pagas. “Estamos falando de 1.800 e 1.200 euros netos ao mes, xa que ningún cobrará por asistencia a plenos ou comisións”, exemplificou Rey Martínez.

Novo Goberno
Nesta sesión, Roberto Rey deu conta da nova estrutura do seu Goberno municipal, que queda conformado do seguinte xeito:

- María de los Ángeles Álvarez Carro (primeira tenente de Alcalde), concelleira de Servizos Sociais, Igualdade, Muller e Atención aos menores.

- Jesús Miguel Prado Cea (segundo tenente de alcalde), concelleiro de Cultura, Deportes e Novas Tecnoloxías.

- Manuel Ferreiro Marzoa (terceiro tenente de alcalde), concelleiro de Economía, Ensino e Medio Rural.

- Ramón Garabato Boga, concelleiro de Infraestruturas e Obras municipais

- Jesús Francos Sánchez, concelleiro de Maiores, Piscina e Limpeza Viaria

- Juan Carlos Portos Bra, concelleiro de Medio Ambiente e Xestión de Residuos.

- Óscar Botana Rúa, concelleiro de Xuventude, Voluntariado, Iluminación Pública e Aforro Enerxético.

O pleno tamén acordou a creación da Xunta de Goberno Local, que se reunirá con periodicidade quincenal e que estará conformada polo alcalde e os tres primeiros tenentes de alcalde. As asignacións que reciben os concelleiros por asistencias a plenos e comisións será de 100 euros, mentres que os dous primeiros tenentes de alcalde recibirán 150 euros polas Xuntas de Goberno. 

Tamén se manteñen as dúas comisións informativas xa existentes, Contas e PXOM, que estarán compostas por 5 concelleiros do PP e 2 do BNG. A Comisión de Contas seguirá presidida polo Tesoureiro Municipal, Manuel Ferreiro, e contará cos concelleiros populares Ramón Garabato, Jesús Francos Sánchez e Óscar Botana Rúa; e cos concelleiros Xosé María Pérez Lagos e Nelly Iglesias Rey, do BNG. 

No caso da comisión do PXOM, seguirá presidida polo alcalde Roberto Rey e integrada por Ramón Garabato, Juan Carlos Portos Bra e Óscar Botana Rúa (PP) e por Xosé María Pérez Lagos e Nelly Iglesias Rey (BNG). As asignacións aos grupos municipais serán de 500 euros para cada grupo e 1.000 segundo o número de concelleiros de cada grupo. Os voceiros serán Manuel Ferreiro (PP) e Xosé María Pérez Lagos (BNG).

Ademais, o pleno aprobou manter os mesmos representantes do Concello de Frades en órganos como a Mancomunidade de Ordes (Roberto Rey Martínez), Agader (Roberto Rey Martínez) e CPI Ponte Carreira (Manuel Ferreiro Marzoa). 

O único punto de desencontro da sesión foi o cambio de día nas sesións plenarias. Se ata o de agora tiñan lugar ás 13:30 horas dos primeiros martes de cada trimestre, agora pasarán a celebrarse os segundos venres, de xeito que as próximas sesións ordinarias serán o 11 de setembro e o 11 de decembro). O BNG presentou esta mañá un escrito solicitando que as sesións se celebraran os sábados, para facilitar a asistencia de concelleiros que estean traballando. O alcalde indicou que estudará a proposta, se ben inicialmente xa quedan fixadas as dúas próximas sesións ordinarias.

Por último, o BNG solicitou que a documentación de plenos e comisións deixe de entregarse en papel, e se faga a través de correo electrónico. Unha proposta que o alcalde aceptou e que lle trasladará á nova Secretaria municipal, que se incorporará despois do verán.

Ningún comentario: