Xosé Neira Vilas, referente indiscutible da literatura galega, presentou no Hotel Monumento San Francisco de Santiago a súa última obra: Semente galega en América, na que o autor cruceño revela, a través de cen crónicas, a influencia deixada por Galicia e as súas xentes no continente americano. Edicións Bolanda edita novamente unha obra do laureado autor de Memorias dun neno labrego, despois de publicar no ano 2013 Xosé Neira Vilas: Memoria Gráfica e no 2014 Díaz Pardo. Crónica dunha fecunda amizade.
Neste novo título o escritor cambia totalmente de rexistro para contar, case a xeito de pequenos contos, cen historias que amosan a “pegada” que deixaron os galegos en América. Son cen crónicas relatadas por unha “testemuña excepcional”, un galego que “tamén deixou a súa semente no novo continente”, tal como explicou o editor, Antonio Couto, quen explicou que algunhas das historias están ilustradas polo “extraordinario artista mindoniense Xosé Vizoso”.
Na presentación da obra, que xa está dispoñible nas librarías de Galicia, acompañaron ao autor, ademais do editor, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o profesor e secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Todos destacaron a relevancia cultural e histórica tanto do autor como das persoas que el elixiu para seren protagonistas dalgunha das cen crónicas que compoñen este libro que permitirá coñecer un pouco máis a “pegada galega” en América.
Modestos emigrantes que deixaron pegada
Neira Vilas precisou na súa intervención que son moitos “os feitos e persoas que tiveron unha participación significativa nalgúns dos eidos social, político, cultural, económico” do continente americano e que “merecerían estar aquí”. Pero decidiu quedar para súa escolma cos máis descoñecidos, “modestos emigrantes” que fixeron “significativos aportes e deixaron a súa impronta, a súa pegada”, explicou.
É o caso do protagonista da primeira crónica, Manuel Iglesias, un veciño de Vila de Cruces –como o propio Neira Vilas– que fixo o primeiro coche arxentino, que aínda hoxe pode verse nun museo de Campana, a vila que viu nacer o seu invento en 1907. Ou o de María Valverde, famosa cantante de Montevideo; Sebastián, un veciño da Gudiña que levou o carro de bois a México no século XVI; Xosé López, un mosqueteiro da Fonsagrada coñecido na Habana como “El caballero de París”, ou María Vinyals, dona do castelo de Soutomaior, alcumada “La marquesa roja” polas súas ideas de progreso social que levou a Cuba.
Así ata “cen sementes, cen aportes dos nosos emigrantes, ao longo do tempo, ao progreso, de diferentes maneiras, do mundo americano”, explicou o autor. “Trátase de homes e mulleres que cruzaron o Atlántico, amaron as terras que os acolleron e nelas deixaron, xunto cos apelidos, fillos e netos que en moitos casos acadaron relevancia histórica”. Mais “nunca deixaron de ser galegos e galegas. Viviron e viven unidos ó terrón orixinario polo que Castelao chamara o ‘cordón umbilical da saudade”.
Xunto cos nomes propios, aparecen outras historias “sobre esforzos e condutas, sobre xestos e amores, sobre a entrega e a solidariedade”, explica Neira no prólogo da obra. “Son enerxías que perdeu Galicia, son comportamentos, individuais e colectivos, das xentes desta nosa patria dispersa, deste noso querido país, pequeno en extensión pero grande na semente e nos froitos dos seus fillos emprendedores”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario