La Bellemont e Ímpetus Conjunto Barroco de Madrid son as vindeiras propostas que nos trae a Compostela o Via Stellae. La Bellemont estarán hoxe sábado ás 20.30 h na Capela da Orde Terceira co programa ‘Bach en trío. As tres sonatas para viola de gamba e clave obrigado’ e con entrada libre previa retirada de invitación. Pola súa banda, Ímpetus Conjunto Barroco de Madrid será o luns ás 20.30 h no Salón Teatro e o programa que presentan é ‘As bágoas do Anxo. Arias de ópera e cantatas de Haendel e Vivaldi’. Para este concerto as entradas teñen un custe de 6 euros, entrando dentro do Abono do Festival. Tanto as invitacións como as entradas poden retirarse no despacho de billetes do Teatro Principal que está aberto de 18.00 a 21.00 h todos os días. As entradas,a demais, poden mercarse tamén na web entradas.abanca.com ou no teléfono 902 434 443.
A sonata en trío foi unha forma moi popular na Alemaña barroca. Antes que Johann Sebastian Bach, compositores como Buxtehude ou Telemann xa explotaran esta forma coa formación habitual de violín, viola da gamba e baixo continuo. Coas súas tres sonatas para viola da gamba e clave obrigado, Bach seguiu a tradición pero, aínda que estas sonatas son auténticas pezas en trío, elixiu unha instrumentación diferente, converténdoas en dúos de clave e viola (o clavecinista toca a parte do violín coa súa man dereita e a liña do baixo, sen realización do continuo, coa man esquerda). La Bellemont propón este ciclo completo das tres sonatas para viola da gamba e clave, interpretando unha na súa forma orixinal en dúo e as outras dúas nunha versión transcrita (Bach foi un prolífico transcritor das súas propias obras) que lles devolve a súa forma en trío tradicional, co engadido dun violín e do baixo cifrado realizado por clave e arquilaúde que permite potenciar a alta expresividade e a enerxía rítmica implícitas nestas sonatas.
LA BELLEMONT naceu en 2007 da unión de tres músicos fascinados polo repertorio barroco francés. Marcados pola busca dun son con identidade, un xesto e unha articulación conxuntos, os músicos de La Bellemont concretan esta filosofía co seu primeiro disco La voix de la viola, un programa dedicado á música para viola da gamba e baixo continuo de Marin Marais publicado en 2011 por Brilliant Classics. A crítica especializada outorga a este disco cinco diapasóns (revista Diapason) e catro estrelas da revista Classica e di deles que son "portadores dunha gran precisión e mestría" (Klassik.com), ademais de destacar unha "personalidade e profundidade notables" (Scherzo). O seu recén presentado disco Plaisir sacré dedicado aos motetes de François Couperin (Itinerant Classics, 2014) xa ten sido galardoado coa R (recomendado) da revista Ritmo e co Melómano de Ouro da revista Melómano.
MANFREDO KRAEMER violín
SARA RUÍZ viola de gamba
RAFAEL MUÑOZ arquilaúde
LAURA PUERTO clave
Os tres mestres... Un concerto para clave de Johann Sebastian Bach composto para as reunións do Café Zimmermann secunda a proposta lírica barroca do emerxente conxunto especializado madrileño Ímpetus e o contratenor Flavio Ferri-Benedetti. Haendel e Vivaldi son dúas indiscutibles figuras da ópera barroca italiana. O prolífico e polifacético compositor, director e empresario teatral Georg Friedrich Haendel triunfou en Londres, primeiro coas súas óperas e máis tarde cando tivo necesidade de reinventarse cos seus oratorios, durante tres décadas para converterse en heroe nacional británico. Máximo expoñente do concerto para violín barroco, o sacerdote Antonio Vivaldi aplicou o seu xenio, como afortunadamente poidemos descubrir nos últimos anos, a obras líricas profanas, cantatas e óperas; case 100 óperas estreadas en Venecia, pero tamén en Mantua, Florencia, Roma, Verona, Milán, Vicenza... Unha xeración inesquecible para a historia da música.
ÍMPETUS CONJUNTO BARROCO DE MADRID nace en 2006 por iniciativa do clavecinista, fortepianista e director Yago Mahúgo co obxectivo de difundir a música da época barroca e clásica / antiga seguindo criterios historicistas. Isto é posible grazas a un grupo de grandes músicos profesionais que contan cunha brillante preparación no ámbito da interpretación da música antiga, barroca, clásica e prerromántica con instrumentos orixinais. Deste modo, a fidelidade ás convencións musicais da época, así como a execución con instrumentos históricos de exquisita factura, fan que o son de Ímpetus se afaste substancialmente do habitual, achegándose á idea do compositor e á atmosfera orixinal de cada obra, situándoa no seu contexto histórico, artístico e interpretativo. Ímpetus figura actualmente entre os grupos españois de maior proxección. A súa traxectoria tanto en concerto (Festival de Música Antigua de Aranjuez, Festival de Granada,etc.) como no estudo de gravación foi amplamente gabada e premiada por prestixiosos críticos.
Tras a excelente acollida do seu primeiro disco, Impetus live in Madrid (2013), o seu segundo compacto, Pièces en Clavecin en Concerts de Jean Philippe Rameau (2014) foi nomeado na categoría de música instrumental barroca aos ICMA 2015 (International Classical Music Awards) e foi galardoado cos premios das máis importantes revistas españolas especializadas: Disco excepcional do mes (Scherzo), Disco Recomendado (Ritmo) e Melómano de Ouro e Disco do Ano 2014 (Melómano). A súa terceira gravación, Geistliche Oden und Lieds mit Melodien de Carl Philip Emanuel Bach (2015), interpretado pola soprano Mariví Blasco e Yago Mahúgo ao fortepiano, obtivo de novo o respaldo unánime da crítica: Disco Excepcional do Mes (Scherzo), Disco Recomendado (Ritmo) e Melómano de Ouro (Melómano). Á parte do seu labor como fundador e director de Ímpetus, Yago Mahúgo desenvolve unha brillante carreira como solista. O seu rexistro das obras completas para clave de Pancrace Royer (Brilliant Classics, xaneiro de 2013) foi galardoado como Disco Excepcional do Mes pola revista Scherzo entre outras mencións e elixido polo diario El País como un das mellores gravacións de música antiga de 2013.
Flavio Ferri-Benedetti contratenor
Nacido en 1983 en Scandiano (Italia), trasládase a España durante a súa infancia. Obtén o grao profesional de piano no Conservatorio de Villareal en 2004, a licenciatura en tradución e interpretación (Universitat Jaume I, 2005) e finalmente o título de doutor cum laude en linguas e literaturas pola Universitat de València en 2014. Imparte cursos como profesor invitado de italiano para cantantes na Schola Cantorum Basiliensis (Suíza) e na primavera de 2015 é chamado como profesor invitado de canto polo Conservatorio de Zúric. Entre 2006 e 2010 estuda canto na Schola Cantorum Basiliensis co profesor Gerd Türk, obtendo os diplomas de Bachelor of Arts e Master of Arts con matrícula de honra. Alí tamén recibe clases maxistrais de Andreas Scholl e de Evelyn Tubb e Anthony Rooley, entre outros. A partir de 2010 segue perfeccionándose coa profesora Lina Maria Åkerlund en Zúric. Actuou como contratenor solista dende 2000 en Europa e Xapón, cun repertorio que abrangue dende a música medieval ata o posromanticismo. Ademais dunha ampla actividade nos campos do lied e a música sacra, pódense destacar entre as súas actuacións en ópera e concerto en Theater Basel, Prinzregententheater Munich, Oper Frankfurt, Opéra Royal de Versailles, Opéra de Nice, Liederhalle Stuttgart, Ópera de Oviedo, Wigmore Hall, Real Coliseo de Carlos III (El Escorial), Hamarikyu Hall Tokyo, Händel-Festspiele Karlsruhe, Theater An der Wien etc. Foi nomeado como Artista Revelación por Opernwelt en 2009 e 2010, gañou o terceiro premio no Concurso Internacional de Música Sacra 2009 (Roma) e foi semifinalista no 50º Concurso Internacional Francisco Viñas (Barcelona) e finalista no Concurso de Ópera Barroca de Innsbruck 2013.
Yago Mahúgo director
Nacido en Madrid, foi elixido por Rubén Amón (crítico do xornal El Mundo) como "Artista Español do ano 2013". Discípulo de Robert Hill, é licenciado en instrumentos históricos de teclado (clave, fortepiano e órgano) pola Universidade de Friburgo (Alemaña) e completou a súa formación cos mestres Christophe Rousset, Kenneth Gilbert, Malcolm Bilson e Jacques Ogg. Entre os seus galardóns destacan os do 35º Concurso Internacional de Clave de Budapest e do 13º Concurso de Clave de Bruxas (Bélxica), considerado o certame máis importante de música antiga. Gravou para televisións e radios estatais de toda Europa. O seu primeiro disco de clave, coas obras completas do compositor francés do século XVIII Pancrace Royer (Brilliant Classics, 2013), foi galardoado por diversas revistas especializadas (Scherzo, Ritmo, Melómano) e elixido como unha das mellores gravacións de música clásica do 2013 polo diario El País. O selo Brilliant Classics lanzará proximamente o seu novo compacto, esta vez consagrado á integral da obra para clave de Marchand e Clérambault. Ademais do seu labor como fundador e director de Ímpetus, Yago Mahúgo desenvolve unha brillante carreira como solista. Foi profesor das materias de clave e interpretación histórica e imparte regularmente conferencias. Actualmente desenvolve o seu labor pedagóxico no Conservatorio Teresa Berganza de Madrid e como clavecinista da Escuela Superior de Música Reina Sofía.
ÍMPETUS CONJUNTO BARROCO DE MADRID
PABLO GUTIÉRREZ concertino / violín
IRENE BENITO violín
MARTA MAYORAL viola
GUILLERMO TURINA violoncello
MICHEL FRECHINA contrabaixo
RAMIRO MORALES corda pulsada
YAGO MAHÚGO clave


Ningún comentario:
Publicar un comentario