A piscina municipal de Papucín acollerá hoxe sábado 11 de xullo, a partir das 16:00 horas, o “Día do Neno”, organizado polo Concello de Frades. Unha gran festa que se realiza por sétimo ano consecutivo na piscina de Papucín e na que os rapaces e rapazas poderán xogar tanto cos tradicionais xogos de inchables de terra como con inchables de auga, que adoitan ter moito éxito entre os pequenos.
A entrada é totalmente libre de balde e o Concello de Frades ofrecerá un variado programa de actividades con xogos, obradoiros, festa da escuma e merenda, que correrá a cargo do obradoiro “Ponlle as pilas ao teu bocata”, unha iniciativa da Xunta de Galicia para dar a coñecer entre os menores as vantaxes das conservas galegas do mar ao tempo que lles dá aos pequenos a oportunidade de elixir os ingredientes para faceren os seus bocatas.
Ademais, o Concello de Frades porá a disposición dos pequenos e das súas familias, tamén de xeito gratuíto, un tren turístico que os levará polas distintas parroquias do municipio. Un tren que alternará viaxes curtas de 15 minutos con percorridos de 45 minutos e nas que se lles amosarán aos pequenos as riquezas culturais e paisaxísticas das distintas parroquias de Frades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario