Amosando publicacións coa etiqueta XENTE DE ROIS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta XENTE DE ROIS. Amosar todas as publicacións

"Xente de Rois" organiza unha exposición de dúas fotografas do concello

Rois, 18/08/2016 - Con motivo da III Xornada Solidaria Xente de Rois, desde onte mesmo e ata finais de outubro podese gozar dunha exposición fotográfica de dúas artistas de Rois: Lara Barreiro e Zelta Iglesias. 

Queixas veciñais en Rois polo servizo de recollida de lixo

Rois, 14/6/2016 - O actual servizo de recollida de lixo de Rois amosa deficiencias, que veciños puxeron en coñecemento de Xente de Rois en reiteradas ocasións.

Xente de Rois - Demanda de cambio de hora dos plenos

Para incentivar a asistencia dos veciños aos plenos, onte tres agrupacións con representación no concello de Rois, BNG, PSdG e Xente de Rois, rexistraron unha moción para cambiar o día e hora do Pleno Ordinario e Extraordinario. Esta moción será defendida no Pleno Ordinario que se celebrará o próximo 7 de marzo.

O Pleno Ordinario de Rois celébrase actualmente o primeiro luns hábil de cada mes impar ás 09:30 horas. O Pleno Extraordinario, cando convoca Alcadía, polo menos os dous que se realizaron ata o día de hoxe, celébrase á mesma hora que o Ordinario, “un horario, en calquera caso, que non facilita a asistencia dos veciños, xa que coindice en xeral con obrigas laborais e doutro tipo”, declaran as agrupacións asinantes da moción.

Acompañando esta petición presentouse o apoio, con cadansúa sinatura, de 482 persoas maiores de idade censadas en Rois. “Hai que facer todo o posible por facilitarlles a asistencia os veciños, xa que é no Pleno onde se exerce a potestade normativa a nivel local”, apostillan os promotores da moción.

Xente de Rois - A Conselleria faltou a palabra dada en xuño sobre o CPI Os Dices

Educación imcumpriu o acordo ao que chegou, nunha reunión o día 10 de xuño, Indalecio Cabana, Xefe Territorial da Coruña, con representantes de pais e nais e membros do claustro de profesores do CPPI Os Dices, coa presenza do alcalde Ramón Tojo. Nesa reunión acordouse ampliar as liñas de transporte e garantiuse o servizo de comedor no centro non só como xa estaba establecido, senón que se afirmou que non había problema en amplialo a cinco días á semana sempre que se respectase o número máximo de comensais que ten asignado o centro.

A día de hoxe o funcionamento do centro é ben distinto: este mes de setembro, como pasará tamén en xuño, non hai comedor ningún día cando antes había cada día. E durante o resto dos meses, segundo orde emitida por Educación, só haberá comedor cando o alumnado teña clase pola tarde, ou sexa, na ESO un día á semana e, en Infantil e Primaria, dous. Amais, hai que ter en conta que Educación suprimiu o transporte ao mediodía para o alumnado que non queda a comer e, por outra parte, non garantiu praza de comedor aos alumnos que antes eran transportados ao mediodía, coa conseguinte carga para os pais destes alumnos que terían que ir recoller e levar os seus fillos ao centro os días que comesen. 

Por todo o dito, desde Xente de Rois amosamos o noso máis profundo reixetamento pola decisión de Educación, xa que faltou á palabra dada na reunión do 10 de xuño. Diante desta actitude hipócrita, apoiamos calquera acción dos diferentes colectivos integrantes da comunidade educativa de Rois que conleve o restablecemento do acordado na dita reunión. E, por suposto, tamén pedimos a profunda implicación do concello de Rois, rogándolle que, dunha vez por todas, esqueza a súa política de decisións sectarías que, á práctica, supón máis atrancos na resolución de problemas.

Xente de Rois - Mocións de control, participación e mellora da accesibilidade

Xente de Rois presenta 3 mocións encamiñadas a mellora da accesibilidade en distintos locais do concello, o control do traballo das persoas con dedicacións exclusivas o parciais e para por en marcha un reglamento de participación cidadá

Moción reglamento de participación


Instar ao equipo de goberno de Rois á redacción, consensuada con todas as agrupacións políticas e tendo en conta a opinión da veciñanza do noso concello, dun regulamento de participación cidadá, na que as liñas mestres sexan:

-Participación dos veciños nos Plenos mediante entrada en rexistro das súas preguntas, cunha resposta por escrito se fose necesario.

-Reunións periódicas coas asociacións de todo tipo con sede no concello, establecendo mecanismos de participación deste teixido.

-Creación dun consello asesor con representación de cada parroquia, así como un específico de xuventude.


-Itinerancia polas parroquias do Pleno, para facilitar a participación e o coñecemento direto da xente do transcurso das diferentes sesións

Moción sobre control das dedicacións

Polo que fai á alcaldía:
-Instaurar unha axenda pública, na que conste unha franxa horaria de atención ao público.
-Reducir a retribución de maneira proporcional ao que se corresponda ao tempo investido noutras tarefas da administración pública que estean remuneradas, por exemplo, como pasou na lexislatura pasada coa dedicación á Deputación.
-Velar porque a dedicación sexa exclusiva e, en todo caso, non se solape con ningunha outra actividade privada ou pública allea ao labor de alcalde. Neste sentido, estaría ben remarcar que, como é público e notorio, ningún empregado da administración local teña a obriga de ir levar documentación a asinar polo alcalde fóra da casa consistorial, sempre que non sexa de maneira excepcional e nunca a negocios propios de índole privada.

Polo que fai á concellería de obras:
-Instaurar unha axenda pública.
-Dado que o labor desta concellería se solapa en grande medida coa do arquitéctico técnico contratado polo concello, sería conveniente reducir a dedicación da concellería de obras.

Redistribución das cuantía empregadas en dedicacións:
-Tendo en conta todo o exposto, sumando a parte proporcional deducible á dedicación da alcaldía e mais a deducible á concellería de obras, dedicar a cuantía resultante a unha dedicación, na medida que se considere oportuno, a outras concellerías que, ao noso parecer, terían que ser potenciadas neste sentido, nomeadamente a Concellería Educación, Cultura, Xuventude e Deportes e a Concellería de Asuntos Sociais e Emprego.

Moción accesibilidade

Instar ao equipo de gobernode Rois a solicitar, á instancia pertinente, a adecuación e mellora dos accesos de aqueles locais de Rois que o necesiten e nos que se exerce o dereito a voto en todos os comicios. 

Xente de Rois - Demanda para que os plenos cambien de hora

Na sesión de funcionamento da corporación municipal de Rois celebrada onte aprobouse, cos votos a favor de PP e PSdG e en contra de BNG e Xente de Rois, que o Pleno se celebre en sesión ordinaria o primeiro luns non festivo de cada mes impar do ano, ás 9:30 horas.

Pere Tobaruela, concelleiro de Xente de Rois, manifestou o seu desacordo porque “se se celebra entre semana e a dita hora, imposibilita en maior medida que os veciños poidan asistir ás sesións, ademáis de que se dificulta a asistencia aos propios concelleiros que non temos decicación exclusiva e temos obrigas laborais”. A proposta de Tobaruela foi adaptar o horario tendo en consideración estes aspectos, salientando a potenciación da asistencia e a implicación da xente na política local. Proposta que foi denegada.

Xente de Rois - Impiden o noso candidato entrar nun acto público

Cada 15 de maio no concello de Rois celébranse diversos actos para conmemorar a festa de San Isidro Labrador, como por exemplo o tradicional xantar. Este ano tamén, con xantar no polideportivo de Rois programado para as tres da tarde e un acto previo, previsto para as duas, coa preceptiva presentación, dúas homenaxes e unha entrega de premio.

Pouco antes da dúas, o noso candidato a alcaldía, Pere Tobaruela, personouse no polideportivo para asistir ao acto previo e cal foi a súa sorpresa cando a el, e mais a un grupo de veciños que só quería asistir a este acto sen quedar a comer, foille vetada a entrada por non ter pagado o tiquet para o xantar.

Diante deste feito, desde Xente de Rois queremos denunciar publicamente que se impedise a entrada a un acto público polo feito de non ter adquirido un tiquet para un xantar. Segundo lle manisfestaron a Pere Tobaruela algunhas das personas que intentaron entrar, cando foron a falar coa concelleira de cultura para pedirlle que as deixara pasar que despois marchaban, a edil tratounos dunha maneira bastante incorrecta. En Xente de Rois preguntamos para nós: como se pode impedir o acceso a un acto público? Non sería máis sinxelo organizalo ben e posibilitar que as persoas que só queran ver o acto previo tamén teñan dereito a estar presentes? 

Xente de Rois - A agrupación elixe os seus candidatos

A agrupación cívica Xente de Rois anunciou que concorrerá ás próximas eleccións municipais de maio de 2015 como unha “agrupación de electores” autónoma e independente. E con esa finalidade elixiu os seus cabeza de lista: Pere Tobaruela e Patricia Garazo, veciños do Sisto e Lamego, respectivamente. 

Patricia Garazo deixou claro que “a responsabilidade de encabezar a lista de Xente de Rois recaerá en partes iguais en nós os dous. Nós seremos as caras visibles deste proxecto, un proxecto alimentado pola colaboración”. 

Segundo Pere Tobaruela, “a nosa formación aspira a entrar no consistorio para levar a cabo o que xa estamos facendo: ocuparnos dos problemas que preocupan os veciños. E para impulsar unha maneira diferente de facer as cousas, baseada na participación, na transparencia e nunha xestión eficaz e igualitaria para toda a xente”.

Xente de Rois - Éxito da xornada solidaria

A asociación cívica Xente de Rois organizou o pasado venres 5 de setembro pola tarde unha xornada solidaria a base de xogos para rapaces en instalacións preparadas para a ocasión na taberna o Tallón, a carón do Sisto. A finalidade era recadar fondos para material escolar para familias de Rois con nenos que o necesiten. Precisamente, os nenos foron os que mellor o pasaron xogando durante horas en compañía dun bon número de adultos que se congregaron para facer unha aportación económica.

O total recadado foi 293,48 euros, aos que, sumados o 10% que aporta a libraría Pensamentos de Padrón, fan un total de 325 euros. Unha cantidade á que hai que engadir material escolar valorado en 85 euros que algunhas persoas trouxeron in situ.

Xente de Rois - Xornada solidaria

XORNADA SOLIDARIA XENTE DE ROIS

A asociación cívica Xente de Rois organiza este venres 5 de setembro, a partir das 18 horas, unha xornada solidaria a base de xogos para rapaces en instalacións preparadas para a ocasión na taberna o Tallón, a carón do Sisto. A finalidade é recadar fondos para material escolar para familias de Rois con nenos que o necesiten. Os fondos recadados serán canxeados por cheques para material escolar na Libraría Pensamentos de Padrón (sobre o total recadado esta libraría engadirá un 10% como mostra do seu apoio). E os cheques serán distribuidos polos servizos sociais de Rois.

Descarga o programa de actividades

Xente de Rois - denuncia do mal estda da Fonte do cruceiro

A ASOCIACIÓN CÍVICA XENTE DE ROIS DENUNCIA O MAL ESTADO DA FONTE DO CRUCEIRO

O estado actual da fonte situada na aldea do Cruceiro, na parroquia de Seira, é lamentable. Aí atrás, había o picho e decidiuse facer unha fonte con pedra e escaleiras e todo. En Xente de Rois preguntámonos, ¿para que un gasto deste tipo se despois non se fai un mantemento axeitado? De feito, os veciños que van á fonte do Cruceiro non poden acceder ao picho sen mollar os pés. A auga non baleira ben e, amais, a vexetación empeza a disimular as paredes de pedra. Esta é, sen dúbida, unha mostra máis do abandono xeneralizado que se padece hoxe no concello de Rois.

Xente de Rois - Estado ruinoso do parque infantil de Lamego

O COLECTIVO XENTE DE ROIS DENUNCIA O ESTADO RUINOSO DO PARQUE INFANTIL DE LAMEGO
O deplorable estado das instalacións do Parque Infantil de Lamego, na parroquia de Seira, é patente. Segundo a Asociación Cívica Xente de Rois, non se trata só de que non se corte a herba e se faga o mantemento pertinente: ir a este parque é perigoso para a integridade física dos nenos e tamén dos adultos, e calquera día pode producirse un accidente. 

As instalacións necesitan unha reparación de urxencia, especialmente o telladiño que hai no tobogán, que está a piques de caer. En calquera caso, afirman desde Xente de Rois, o estado actual do parque de Lamego simboliza o abandono xeneralizado que se dá en moitos lugares do concello.

Xente de Rois - por unha participación veciñal real e eficiente

O xoves 26 de xuño naceu a “Asociación Cívica Xente de Rois” co fin de promover a mellora dos veciños de Rois. A primeira actuación desta nova organización foi presentar unha moción para instar ao Pleno municipal de Rois á redacción dun regulamento de participación cidadá 

Un nutrido grupo de veciños de Rois decidiu agruparse baixo o nome “Asociación Cívica Xente de Rois”, organización que ten como fin principal promover a mellora dos veciños do concello. Para acadar este obxectivo, Xente de Rois ten previsto organizar obradoiros, conferencias, faladoiros e reunións informativas, así como actividades de interese cívico e social. Outra das finalidades immediatas desta asociación é presentarse as eleccións municipais do próximo maio de 2015 como unha “agrupación de electores”, fórmula que permite a concorrencia aos comicios de maneira independente, co convencemento de que é o momento de facer unha aposta polas persoas.

A primeira actuación de Xente de Rois foi presentar, o venres 27 de xuño, unha moción para instar ao equipo de goberno e mais aos dous partidos da oposición que conforman o Pleno municipal de Rois á redacción consensuada con toda a veciñanza do concello dun regulamento de participación cidadá, como xa existe en bastantes concellos galegos, que permita, amais da participación no Pleno municipal, unha canle de comunicación real e eficiente coa sociedade de Rois, nomeadamente asociacións, comunidade educativa e outras entidades ou persoas implicadas no desenvolvemento do concello.