A ANPA DO CASTELAO INTENTA FINANCIAR A CONSTRUCCIÓN DUNHA COBERTA DIANTE DO ABANDONO DO ALCALDE E A XUNTA
Castro tacha ao alcalde de “hipócrita e mentireiro” por negarse a pagar 3.600 euros de materiais para a coberta do colexio Castelao, cando despilfarra centos de miles de euros en festas ou nas obras da casa consistorial.
O portavoz do BNG afirmou que “o goberno municipal e a Xunta están a desatender totalmente as necesidades dos centros educativos de Ordes”.
O BNG denunciou a existencia dunha carta na que a ANPA reclama un donativo aos pais e nais para construir unha coberta que permita que os cativos de primaria poidan sair ao recreo nos días de choiva, debido á negativa do Concello e a Xunta para afrontar unha obra moi necesaria e de escasa contía.
Os nacionalistas levarán unha moción ao Pleno deste xoves exixindo ao goberno municipal e á Xunta que sufraguen o custo desta obra.
O BNG de Ordes denunciou que a ANPA do Castelao remitiu unha carta aos pais e nais dos cativos de primaria pedindo un donativo para a construcción dunha coberta que permita aos nenos entrar ao colexio sen mollarse e sair ao patio nos días de choiva.
Gonzalo Castro, portavoz do BNG de Ordes afirmou que “esta actuación da ANPA proúcese despois de que o goberno municipal e a Xunta non atendesen as súas peticións para a construcción desta importante instalación”
Segundo o portavoz do BNG de Ordes “o alcalde negouse a afrontar o custo dos materiais para a construcción desta coberta, cifrado en arredor de 3.600 euros, e só se comprometeu a poñer a disposición os operarios do Concello para facer esta obra, aludindo a que o Concello non podía asumir o pago dos materiais ao no dispoñer de recursos”.
Castro criticou duramente ao alcalde de Ordes ao que tachou de “hipócrita e mentireiro, xa que mentres se nega a pagar 3.600 euros nunha actuación moi necesaria, despilfarra centos de miles de euros en festas e nas obras da Casa Consistorial”.
Para o portavoz do BNG de Ordes resulta “inaceptábel que os veciños teñan que sofrir a un alcalde que despilfarra millóns de euros en megalómanas actuacións, que só serven para satisfacer o seu ego, mentres desatende as necesidades básicas dos seus veciños”.
Moción do BNG
Gonzalo Castro afirmou que os nacionalistas levarán unha moción ao Pleno deste xoves exixindo ao goberno municipal e á Xunta que sufraguen o custo desta obra.
O portavoz municipal do BNG salientou que “os pais e nais do colexio Castelao son víctimas dun alcalde que non resolve os seus problemas e que mostra unha sumisión absoluta diante dos inxustos recortes en materia educativa da Xunta do PP”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario