Teatro Proscrito presenta ‘Rosa de dous aromas’ de Emilio Carballido
Será hoxe sábado 1 de decembro ás 21.00h no Teatro Principal; as entradas poden mercarse na billeteira do propio teatro
Dentro do ciclo Teatro&Danza teremos despois a ‘Gharbo!’ o día 12 e ‘El Montaplatos’ de Animalario o 19; ademais do programa específico Infantil&Familiar
O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou presentou ‘Rosa de dous aromas’ de Teatro Proscrito acompañada das actrices da obra Isabel Blanco e Sabela Hermida. A obra poderemos véla hoxe sábado 1 de decembro a partir das 21.00h no Teatro Principal dentro do ciclo Teatro&Danza da concellaría de Cultura. As entradas, a 10 euros (6 no anfiteatro) poden mercarse na billeteira do propio Teatro . Dentro do ciclo Teatro&Danza teremos despois a ‘Gharbo!’ o día 12 e ‘El Montaplatos’ de Animalario o 19; ademais do programa específico Infantil&Familiar.
‘Rosa de Dous Aromas’ é unha das obras máis coñecidas do escritor mexicano Emilio Carballido, morto no ano 2008, despois de 82 anos de vida e unha extensa produción literaria. Esta obra trata de dúas mulleres, e os conflitos que xorden entre elas no interior dunha cárcere. A adaptación que presenta Teatro Proscrito é unha visión do teatro como vehículo que achega ao ser humano á súa identidade, tal e como expresaba o propio dramaturgo mexicano.
‘Rosa de dous aromas’ retrata a realidade do amor mal entendido, a necesidade e a obsesión que ás veces os seres humanos exhiben cando se senten namorados. Pon de manifesto que aínda que a cordura e a razón ditaminen que abandonar a ese home é o que se debe facer, moitas veces o camiño escollido é outro. As xustificacións abundan: os nenos, o medo á soidade, a dependencia económica. Mil e unha escusas para non facer o que se debe facer. Esta é a ruta que transitan Marlén e Gabriela, as nosas protagonistas, aínda que se dará a coñecer a verdadeira intención do destino que uniu a estas mulleres.
Teatro en feminino, cun reparto artístico e técnico de luxo, que permitirá ao espectador adentrarse no complexo mundo dos sentimentos das mulleres.

Ningún comentario:
Publicar un comentario