O Concello de Silleda fai un chamamento á veciñanza e a colectivos para contar con adornos de Nadal nas rúas
O concelleiro de Cultura e Participación Cidadá, Matías Rodríguez da Torre, anima á xente a colaborar, xa que este ano non se colocará o tradicional alumedado
-“Só se colocarán ornatos lumínicos en centros municipais que albeguen actividades, xa que ademais de por razóns económicas tampouco sería coherente contar con alumeado cando se están a reducir puntos de luz por mor do plan de axuste”, engade o concelleiro
O Concello de Silleda apela á colaboración cidadá para ambientar este ano as rúas con motivos navideños. “Queremos facer un chamamento á cidadanía para que adorne as ventás das súas casas, balcóns, fachadas… e así entre todos poder contar con adornos que ambienten as rúas”, sinala o concelleiro de Cultura e Participación Cidadá, Matías R. Da Torre.
O que se busca é, darlle un sentido colectivo ao alumeado de Nadal, implicando a toda a veciñanza para que complemente os adornos que habitualmente pon na súa vivenda con outros de cara ao exterior. A colaboración podería ser tanto de xeito individual como coordinada a través de colectivos silledenses. “Hai algunha asociación, coma a Anpa Brincadeira da Bandeira, que xa está a traballar neste senso”, apunta o concelleiro.
Este ano, debido á situación de crise económica xeralizada e tamén ao plan de axuste, as rúas do municipio non contarán co habitual alumeado de Nadal. Da Torre sinala que o Concello só colocará ornatos lumínicos en centros municipais nos que se celebren actividades do programa de Nadal con cativ@s. “Ademais de por razóns económicas tampouco sería coherente contar con alumeado cando se están a reducir puntos de luz por mor do plan de axuste”, engade o concelleiro.
Da Torre lembra que xa o ano pasado o orzamento destinado a alumeado de Nadal, financiado polo Concello e a asociación ECOS, se reduciu considerablemente. Dos 12.000 euros que costou no ano 2010, o pasado ano este gasto limitouse a menos da metade, con 5.000 euros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario