Teo - pleno novembro, apertura do procedemento de licitazón da piscina municipal

O PLENO DECIDIRÁ A APERTURA DO PROCEDEMENTO DE LICITACIÓN DO SERVIZO DAS PISCINAS MUNICIPAIS DE TEOO contrato terá unha duración de oito anos prorrogable por outros catro e contratarase mediante procedemento aberto con varios criterios de adxudicación

O POS 2013, consensuado con todas as forzas políticas, prioriza o esforzo en obras e non destina nada a gasto corrente
A corporación teense reúnese este xoves 29 de novembro para celebrar a sesión ordinaria do pleno deste mes. O debate comezará ás 20:00 horas, no horario de tarde habitual, para facilitar a asistencia das persoas interesadas. Celebrarase no salón de sesións da Casa Consistorial, na Ramallosa, con doce puntos na orde do día. 

Nesta sesión lévase a proposta da alcaldía na que se propón a aprobación do expediente de contratación da xestión mediante concesión do servizo das piscinas municipais de Teo nas que se inclúe a piscina climatizada da Ramallosa. O contrato terá unha duración de oito anos prorrogable por outros catro e o pleno, o órgano competente para esta contratación, deberá validar o prego de cláusulas administrativas e prescripcións técnicas. 
O Plan de Obras e Servizos 2013, da Deputación da Coruña, será outro dos puntos destacados do pleno. Segundo explica o edil de Urbanismo, Rafael Sisto, “unha vez máis trátase de obras necesarias e consensuadas co resto dos grupos da corporación”. A obra máis destacada polas persoas directamente beneficiadas e mesmo polo importe é, nesta ocasión, a condución de auga potable que se realizará na zona este do Concello e que lle afectará a lugares de Bamonde, Vilariño e principalmente a parroquia de Teo. “Con esta obra dotamos a unha gran parte da parroquia de Teo de auga potable, xa que ata este momento se fixeran tramos da rede nalgúns lugares pero agora dáselle continuidade a eses tramos e lévase a auga dende a zona de Pontevea” destaca Sisto. 
Ademais desta obra, cun importe de 254.779 euros tamén está previsto executar o acondicionamento do vial entre Recesende e Catro Camiños cun orzamento de 139.940 euros e o afirmado do Camiño de Lamela en Calo con 40.648 euros presupostados. O POS complementario recolle a obra de afirmado da estrada de Socastro –Calo-. 
O responsable de Urbanismo explica que “no deseño do POS se priorizou o esforzo inversor unha vez máis, cuestión na que coincidimos co resto dos grupos políticos”.

Na sesión tamén haberá espazo para o debate de mocións sobre o día da non violencia de xénero do BNG e do PP así como propostas sobre o drama dos desafiuzamentos do BNG e do PSdeG-PSOE. 

Orde do día do pleno:

Aprobación das actas das sesións do 24.09.12 e do 25.10.12.
Dar conta das resolucións da alcaldía (da 750/12 á 857/12).
Ditame da proposta da alcaldía de aprobación da desafectación da escola unitaria de Bamonde. 
Ditame da proposta da alcaldía de modificación das ordenanzas fiscais reguladoras da taxa por servizos de conciliación e da taxa por utilización das instalacións deportivas e socioculturais de titularidade municipal.
Ditame da moción do grupo municipal do BNG sobre o día da non violencia contra as mulleres e contra os recortes na protección das vítimas de violencia de xénero. 
Ditame da moción do grupo municipal do PP sobre o día internacional para a eliminación da violencia de xénero.
Ditame da moción do grupo mixto (PSdeG-PSOE) sobre medidas do Concello de Teo fronte aos desafiuzamentos. 
Ditame da moción do grupo municipal do BNG para que se modifique a lei hipotecaria e adopción de medidas sociais para solucionar o drama dos desafiuzamentos. 
Ditame da proposta da alcaldía de aprobación do expediente de contratación da xestión do servizo de piscinas municipais do Concello de Teo. 
Ditame da proposta da alcaldía de aprobación do plan de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS 2013). 
Mocións. 
Rogos e preguntas. 

Ningún comentario: