O BNG DE TOURO ESIXE AO TENENTE DE ALCALDE QUE PAGUE AS OBRAS QUE SE ESTÁN A FACER DIANTE DA SÚA CASA
O BNG de Touro denuncia as obras que se acometeron diante da casa do tenente alcalde de Touro que non forman parte de ningún proxecto en concreto e que se realizaron tan só nese tramo. Os nacionalistas cren que a crise non é igual para todos. De feito, inciden, para o tenente de alcalde de Touro é unha boa ocasión para sanear e adecentar a beirarrúa no tramo que pasa por diante da súa casa e o seu estabulo, cos cartos de todos. Non é unha obra que forme parte de ningún proxecto ou partida concreta, nin beneficia a ninguén máis que a el porque non hai ningunha casa no tramo que se está facendo e unicamente se fai no tramo que está xusto enfronte da súa propiedade non continuando no resto da beirarrúa. E, por tanto, unha obra para o seu exclusivo beneficio.
Os nacionalistas indican que, como se pode comprobar nas fotos que se xuntan, as obras van na outra parte da estrada (do lado da casa xa está saneada) e só no intervalo da súa casa e estabulo, non continuando no resto da estrada. Tamén se ve que non hai ningunha outra casa que sexa beneficiada.
Dende o BNG esixen que esta actuación sexa pagada polo seu beneficiario pois do contrario, ademais de significar unha “cacicada” en toda regra e un dispendio dos cartos públicos tamén significa unha falta de respecto ao resto dos veciños e veciñas da parroquia e de todo o Concello pola trato de favor que representa para con este edil.
Polo tanto, os nacionalistas esixen ao alcalde que conteste se autorizou esta actuación e, neste caso, en base a que criterio se permitiu esta obra en beneficio exclusivo do seu tenente de alcalde. E, en todo caso, que baixo ningún concepto esta obra sexa financiada polo Concello e que obrigue ao beneficiario a facerse cargo do seu custe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario