Silleda - comunicado do goberno municipal en apoio do sector lácteo

COMUNICADO DE APOIO DO GOBERNO MUNICIPAL DE SILLEDA Á FOLGA DE ENTREGA DE LEITE 
Á vista da convocatoria feita dende os sindicatos agrarios para iniciar mañá martes día 27 unha folga de entrega de leite, por mor da situación límite que están a vivir os produtores e produtoras en Galicia, o goberno municipal de Silleda quere amosar o seu total apoio a esta medida.

Non se pode esquecer que o sector agrogandeiro é un dos piares fundamentais da nosa economía, e que no caso de Silleda en particular son moitas as familias que viven do sector lácteo.

Logo do progresivo peche de moitas explotacións a profunda crise do sector continúa poñendo contra as cordas aos que decidiron seguir apostando pola gandeiría como medio de vida. 

O Concello de Silleda, seguindo tamén coa liña de colaboración iniciada o pasado verán entre os gandeiros e as Administracións Locais, quere amosar públicamente o seu apoio a esta iniciativa das tres organizacións profesionais agrarias, ante una situación cada día máis agravada.

Logo de ver como as industrias camparon ao seu antollo, agora dende o escenario político galego segue sen apostarse polo sector lácteo. O goberno autonómico e o seu presidente, Alberto Núñez Feijoo, ante as adversas condicións nas que subsisten os galegos e galegas que viven do leite, debe tomar cartas no asunto, con medidas urxentes para salvar a un sector clave e estratéxico na economía de Galicia e evitar que a sangría do rural galego siga en progresión. 

Ningún comentario: