O GRUPO SOCIALISTA E AMES NOVO PIDEN UN PLENO EXTRAORDINARIO PARA REPROBAR AO ALCALDE DE AMES E AO SEU GOBERNO
Defenden o civismo e a responsabilidade coa que actuaron os veciños e veciñas concentrados onte diante do pleno e responsabilizan ao alcalde de coartar os dereitos da veciñanza ao impedir o libre acceso ao pleno
Critican a paralización do Goberno do PP, que este xoves confirmou a caducidade de 500 expedientes para o cobro retroactivo do lixo
Os grupos municipais do PSOE de Ames e Ames Novo esixirán a convocatoria dun pleno extraordinario nos vindeiros 15 días hábiles no que solicitarán a reprobación do Goberno de Ames e, en particular, do alcalde Santiago Amor pola súa falta de xestión no conflito do cobro retroactivo do lixo, situación que culminou na noite de onte coa prohibición do acceso ao pleno municipal dos veciños e veciñas de Ames. Así o anunciaron esta mañá en rolda de prensa os voceiros municipais de Ames Novo, Pilar Candocia, e do PSOE de Ames, José Miñones, acompañados doutros membros da corporación municipal.
Ambos grupos municipais solicitan que a sesión plenaria extraordinaria se celebre un sábado, ás 12:00 horas, e na Casa da Cultura de Bertamiráns para que nesta ocasión non haxa ningún problema de espazo. Un pleno que constaría de tres puntos:
Debater sobre o problema do cobro retroactivo do lixo e sobre por que o Goberno municipal deixou caducar 500 expedientes
Analizar o por que se está restrinxindo o dereito dos veciños e veciñas de Ames a presentar escritos por Rexistro
Reprobación do Goberno e do alcalde de Ames por todo o acontecido na xestión do problema do lixo.
PSOE de Ames e Ames Novo farán valer o seu dereito a solicitar ata 3 sesións plenarias extraordinarias (cada un) de acordo co artigo 46.2 da Lei 7/1985 Reguladora das Bases do Réxime Local, polo que o pleno deberá ser convocado polo alcalde nos vindeiros 15 días hábiles. A ubicación do pleno xa é competencia exclusiva do alcalde amiense, pero dende os grupos municipais da oposición lémbranlle que non sería a primeira vez que acontece, pois a última vez foi co gallo da toma de posesión como alcalde do propio Santiago Amor.
Agradecemento á cidadanía
Tanto José Miñones como Pilar Candocia comezaron as súas intervencións agradecendo o comportamento responsable dos veciños e veciñas de Ames que se concentraron na noite de onte xoves diante da Casa do Concello e que viron coartado o seu dereito de acceso ao salón de plenos. José Miñones lembrou que a cidadanía “tivo un comportamento exquisito e digno, os que non estiveron á altura foron o alcalde e o seu Goberno. Non houbo ningún altercado, pintada ou rotura. O que pasou foi que o alcalde impediu o acceso dos veciños de Ames á casa de todos cunha actitude arrogante. Pero a xente estivo por riba del”.
Pilar Candocia denunciou que onte “se coartaron os dereitos dos cidadáns de Ames pois a casa do concello é a casa do pobo, non do Goberno. Pechar as portas foi unha decisión desproporcionada”. De feito, Candocia asegurou que “o problema non é da Policía nin da Garda Civil, senón de quen os chamou” e contrapuxo “unha cidadanía activa e responsable, que esixe pero é correctísima” cun Goberno “que non escoita, que está nun túnel e nin se entenden entre eles”.
Un punto no que coincidiu Miñones, quen asegurou que “é triste ver como deixan só ao alcalde a a unha concelleira mentres os demais membros do grupo de Goberno escapan. É moi triste e demostra unha vez máis a división interna do Goberno de Ames”. Neste sentido, Pilar Candocia lembrou que “todo o Goberno é responsable do que está pasando. Alí votan todos e todos toman parte dunha decisión, polo que é todo o Goberno o que atropelou os dereitos da cidadanía amesá”.
Abandono do pleno
A voceira de Ames Novo xustificou o seu abandono do pleno xa que “entendemos que debemos defender os intereses dos cidadáns e cando non se lles permite o acceso á casa do concello, temos que estar con eles na rúa”. O voceiro municipal socialista sinalou que “nós quixemos manternos no pleno pero, vendo que era imposible facer intervencións e ante a actitude do alcalde, decidimos tamén abandonar a sesión”.
Ambos grupos municipais coincidiron en denunciar a parálise do Concello de Ames debido á incapacidade de xestión por parte do Goberno presidido por Santiago Amor. “O culmen foi o pasado xoves, cando se determinou a caducidade de 500 expedientes cando durante todo este tempo se nos ten dito que non se podía deixar caducar o expediente para o cobro retroactivo do lixo. É intolerable que os expedientes caduquen despois de todo o que levan dito”, denunciou Miñones.
Neste sentido, a voceira de Ames Novo asegurou que “ao PP quédalle Ames moi grande” e que “está de costas á xente”. Por iso denunciou a perda de dereitos fundamentais dos veciños e veciñas do municipio. Non só pola prohibición de acceso ao salón de plenos, senón tamén porque “poñen obstáculos para meter cousas por Rexistro”, o que chegou a cualificar de “punto de non retorno”.
Finalmente, ambos voceiros municipais lamentaron a total falta de disposición do alcalde de Ames ao diálogo. Así, desvelaron que o alcalde vetou a presenza dos partidos da oposición nunha reunión mantida cos responsables da Plataforma do Lixo e que durante cinco meses se negou reiteradamente a convocar unha Xunta de Portavoces, que lle foi solicitada en varias ocasións. Por iso, ambos grupos consideran que o primeiro debate a fondo sobre as cuestións plantexadas pola Plataforma do Lixo terá lugar na sesión plenaria extraordinaria que solicitaron
Un pleno que o alcalde debe convocar nos vindeiros 15 días hábiles. De non tomar el a iniciativa, a sesión celebraríase de todos os xeitos e, en ningún caso, máis aló do 3 de xaneiro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario