O Restaurante Caney inicia un ciclo de faladoiros formado por comensais do mundo do xornalismo e a literatura
Os faladoiros celebraranse dous luns ao mes, á hora de comer (14,30 h), ao redor das ledicias gastronómicas creadas polo equipo do Restaurante Caney.
O restaurante Caney, do Hotel Eurostars Araguaney, iniciou un ciclo de faladoiros, que se levarán a cabo dúas veces ao mes, ás 14,30 h, e nas que cinco persoas fixas e unha invitada sacarán a debate ou a conversación un tema de actualidade e preferiblemente elixido polo invitado ou con relación ao seu ámbito de traballo.
O escritor Alfredo Conde foi o motor desta iniciativa, á que se quixeron unir como interlocutores habituais Miguel Anxo Fernán Vello, escritor e editor, Chema Paz Gago, escritor e catedrático da universidade, Daría Villanueva, catedrático e membro da Real Academia Española e Luís González Tosar, profesor e escritor galego. O empresario Ghaleb Jaber Ibrahim, sumouse o primeiro dos faladoiros, que serviu como toma de contacto entre os participantes. Amancio López, presidente do Grupo Hotusa, cadea europea de hoteis entre os que se atopa o Araguaney, tamén apoia a organización destes faladoiros, ós que se invitará a personaxes do mundo do xornalismo, a literatura, a política…. é dicir, a cultura en xeral.
A xornalista da Fundación Araguaney, Carmen Fernández, tamén se uniu a unha primeira sesión onde as redes sociais e a súa importancia como medios de comunicación e de intercambio de información foi o tema principal da comida. Paz Gago e Carmen Fernández iniciaron un debate no que se amosaron fieis usuarios e defensores de ferramentas como o Facebook, Twitter e LinkedIn para promover e dar a coñecer as súas creacións literarias e didácticas a través de internet. Tamén para establecer contactos con amigos, familia e xente da contorna laboral. Fernán Vello e Alfredo Conde recoñeceron o uso de aparellos electrónicos de última xeración para o desenvolvemento dos seus respectivos traballos. Os comensais, provistos todos eles de smartphones, non dubidaron en mostrar as aplicacións que empregan a diario na súa vida laboral e persoal, e tiveron a oportunidade de coñecer as vantaxes que achegan moitas destas “apps” á hora de desenvolver o seu traballo diario.
O obxectivo destes faladoiros é o de promover o diálogo e o intercambio de opinións ao redor dun tema de actualidade, permitindo que todos os asistentes amplíen e compartan os seus coñecementos.
O próximo faladoiro celebrarase hoxe, ás 14,30 h, no Restaurante Caney. Durante a comida, os cinco interlocutores falarán sobre temas de actualidade. O invitado será Xurxo Fernández, xornalista galego. As persoas interesadas en sumarse aos faladoiros poderán facelo á hora do café, sobre as 15,30 h.
Ningún comentario:
Publicar un comentario