Ordes - acordo unánime para apoiar os productores de leite

O pleno municipal de Ordes acorda de xeito unánime o seu apoio ós gandeiros e gandeiras da Comunidade 
Entre outras medidas ínstase á Xunta á creación dun marco de relacións entre os operadores do sector e acordos que garantan un precio xusto

A sesión plenaria celebrada no Concello de Ordes arrancou co acordo unánime de apoiar ó sector leiteiro e máis concretamente ás explotacións da comarca. Así o solicitou o BNG na súa moción, na que se insta á Xunta á creación dun marco de relacións entre os diversos operadores do sector e medidas que garantan prezos mínimos xustos e cubran os custes de produción. Neste aspecto engadiuse a emenda presentada polo PP na que, entre outros puntos, se insta a promover a sinatura de contratos homologados, desenvolver o plan de inspección de calidade e impulsar a vertebración do sector para conseguir unha maior estabilidade entre os productores e a industria. Neste punto Manuel Regos, alcalde de Ordes e presidente da Mancomunidade, sacou a colación o acordo asinado esta mesma semana por parte dos sete concellos da comarca en apoio ós gandeiros e gandeiras.

En relación á construcción dunha zona cuberta no colexio Castelao para uso dos alumnos e alumnas o BNG solicitoulle ó Goberno local que cubran os gastos de dita obra. A tenente alcalde, Silvia Marín, explicou que ata o de agora “o Concello cumpriu co acordado nesta obra”. Marín especificou que xa se ten acometida a primeira fase na que se construiu un primeiro cuberto, obra que foi financiada íntegramente polas arcas municipais. Na segunda fase aínda por realizar “o Concello aportará material e contribuirá na súa execución, xa que se vai encargar de pavimentar con formigón a área que solicitou a ANPA co fin de conseguir un mellor anclado e unha maior seguridade para os rapaces e rapazas”, concretou Marín. A voceira do Goberno tamén avanzou que debido a este motivo “en próximas datas se celebrará un Consello Escolar para aprobar unha modificación das partidas presupuestarias, xa que por parte da Xunta hai un compromiso para sufragar ditos gastos, aínda que polo de agora cubriremos entre todos este gasto”. A ANPA xa comenzou coa compra de material, téndose gastado ata o de agora arredor de 6.500 euros. Por último Marín recoñeceu o dereito das ANPAS escolares a solicitar a axuda dos pais e nais dos alumnos a sufragar gastos do centro, en alusión á carta presentada polo BNG en base á cal se fundaba a súa moción. Ó final a proposta non prosperou ó contar únicamente co voto a favor dos nacionalistas, absténdose os popularas e Cidega e votando en contra o equipo de Goberno. 

O Partido Popular abriu o seu turno de intervención solicitando unha maior transparecia e a actualización dos datos dos perfís dos contratantes realizados polo Concello e que aparecen na súa páxina web. Tamén solitaron a publicación dos procedementos que se veñen realizando, incluidos os negociados e os de obra menor. Unha moción que foi aprobada por unanimidade, puntualizando dende o Goberno que neste aspecto se ven cumprindo a normativa vixente aínda que se procurará incidir na actualización dos datos publicados.

A segunda moción dos populares facía alusión á mellora da seguridade nun tramo de curva ubicado nun vial da zona do Vilariño, na parroquia de Buscás. Un problema que padecen tanto os vehículos que se incorporan dende as interseccións de pistas e tramos procedentes de localidades próximas, como polos viandantes que por alí transitan xa que por alí transcorre o Camiño Inglés. Gracias ás aportacións de todos os grupos finalmente acordouse poñer sinais de límites de velocidade a 50 qm/h, instalar espellos nas interseccións, acondicionar o sobreancho, sinalizar o tramo como curva perigosa, ademais de revisar os puntos máis problemáticos de todo o municipio no que se refire á circulación de vehículos.

Por último destacar que a pesar da ausencia do representante dos socialistas debido a unha baixa médica, procedeuse á lectura das súas mocións, as cales non se someteron a votación. Na primeira delas se solicita que o Concello se adherise á declaración como cidade solidaria contra o Alzheimer. A segunda especificaba ás medidas a emprender a nivel municipal en colaboración cos servizos xurídicos do Concello en contra dos desafiuzamentos. A última delas facía alusión á erradicación de casos de violencia de xénero en relación á recente celebración o pasado 25 de novembro.

Ningún comentario: