Frades - o alcalde redúcese o soldo a metade

O ALCALDE DE FRADES REDÚCESE O SEU SOLDO EN MÁIS DA METADE E RENUNCIA Á PAGA DE NADAL
Roberto Rey reduce tamén as asignacións por asistencia a plenos, comisións e Xuntas de Goberno
O Concello de Frades celebrou este mediodía o seu pleno ordinario do mes de outubro, que servíu tamén como sesión de organización logo da toma de posesión como alcalde de Roberto Rey Martínez en substitución de Miguel Prado Patiño. Roberto Rey anunciou que asumirá unha dedicación parcial de 20.000 euros brutos anuais, o que supón un descenso do 60% con respecto á adicación exclusiva anterior. Así mesmo, o novo alcalde de Frades anunciou que non cobrará por asistencia a comisión e plenos, así como que renuncia á paga de Nadal como medida de coherencia e solidariedade cos empregados municipais.

Nesta sesión, Roberto Rey tamén deu conta da nova estrutura do seu Goberno municipal, que queda conformado do seguinte xeito:

Roberto Rey Martínez, alcalde e responsable de Emprego, Facenda, Persoal, Deportes e Xuventude

María de los Ángeles Álvarez Carro (primeira tenente de Alcalde), concelleira de Cultura, Muller, Familia e Benestar

Antonio Iglesias Botana (segundo tenente de alcalde), concelleiro de Infraestruturas, Medio Rural, Obras e Servizos.

Manuel Ferreiro Marzoa (terceiro tenente de alcalde), concelleiro de Ensino, Gandeiría e Limpeza Viaria

Ramón Garabato Boga, concelleiro de Medio Ambiente, Caza e Pesca

Agustín Rey Sánchez, concelleiro de Maiores, Patrimonio, Parques e Xardíns

Miguel Prado Patiño, concelleiro de Relacións Institucionais e Veciñais

Comisións e representación
Roberto Rey tamén anunciou unha reducción das asignacións que reciben os concelleiros por asistencias a plenos, comisións e Xuntas de Goberno. Así, as asistencias a plenos quedan fixadas en 50 euros e as asistencias a Xuntas de Goberno en 90 euros, o que supón unha reducción de 10 euros en cada un dos casos. Así mesmo, redúcense nun 50% as asistencias a comisións, que serán de 50 euros. As asignacións aos grupos municipais mantéñense nas cifras anteriores: 100 euros fixos e 200 variables (segundo o número de concelleiros).

Tamén se manteñen as dúas comisións informativas xa existentes, Contas e PXOM, coa mesma composición por grupo municipal: 4 concelleiros do PP, 2 do BNG e 1 do PSOE. Se ben PSOE e BNG manteñen aos mesmos representantes, no caso do Partido Popular cambian os integrantes das mesmas. Así, a Comisión de Contas seguirá presidida por Manuel Ferreiro, e contará cos concelleiros populares Antonio Iglesias, Ángeles Álvarez e Ramón Garabato. No caso da comisión do PXOM, estará presidida polo alcalde Roberto Rey e integrada por Ángeles Álvarez, Antonio Iglesias e Agustín Rey. 

Ademais, o pleno aprobou o nomeamento dos representantes do Concello de Frades en órganos como a Mancomunidade de Ordes (Roberto Rey Martínez), Agader (Roberto Rey Martínez) e CPI Pontecarreira (Manuel Ferreiro Marzoa). 

Os plenos mantéñense como ata o de agora: ás 14:15 horas os primeiros martes de cada trimestre. Así mesmo, mantéñense as mesmas delegacións territoriais como alcaldes de barrio, que recaeron en Nieves Aller López (Vitre), María José Rey Rey (Frades) e José Manuel Souto López (Ledoira).

Ningún comentario: