A exposición didáctica ‘Galicia, conservando a natureza’ volta a Silleda con visitas guiadas para escolares e colectivos
Dende a Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Antonio Couso, anímase aos escolares e colectivos a apuntarse nestes días
Desde mañan luns día 1 de outubro e ata o día 5 abrirá ao público nas dependencias da Casa da Xuventude de Silleda a exposición didáctica itinerante baixo o título Galicia, conservando a natureza.A mostra está composta por 21 paneis e conta ademais cunha proxección audiovisual sobre a biodiversidade natural do territorio galego. Está organizada pola Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Antonio Couso, en colaboración coa Concellería de Xuventude, e promovida pola Dirección Xeral de Medio Ambiente.
Logo do seu paso pola localidade o pasado mes de xullo, a mostra volta enfocada agora á comunidade escolar (alumnos dende Primaria a Bacharelato) e ás asociacións silledenses. Estará aberta no horario habitual da Casa da Xuventude, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.30 horas. Ademais de visitas guiadas tamén se realizarán obradoiros en función das idades dos grupos, que deberán ser de entre 25 e 30 alumnos/as. As visitas, de 1 hora de duración, estarán orientadas por monitores.
Os paneis desta mostra didáctica itinerante amosan distintos espazos naturais, coma o Parque Nacional das Illas Atlánticas, o complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, as Fragas do Eume, o Monte Aloia, a Serra do Invernadoiro, o complexo Grove-Ons, humedais protexidos coma os de Valdoviño, Ortigueira-Ladrido, espazos litorais, ecosistemas fluviais, bosques, e outros lugares incluídos dentro da Rede Natura 2000, entre outros. “Consideramos que se trata dunha magnífica oportunidade para que os veciños e escolares de Silleda se acheguen á grade riqueza natural que temos na nosa Comunidade, cunha mostra coa que a Consellería de Medio Ambiente pretende difundir os valores ambientais e patrimoniais que fixeron merecedores da protección aos distintos espazos naturais”, engade Antonio Couso , que anima aos centros escolares e e colectivos a apuntarse nestes días próximos na Casa da Xuventude (986 580064).
Ningún comentario:
Publicar un comentario