Oroso - este sábado comeza o programa de animación a lectura

OROSO INICIA ESTE SÁBADO O SEU PROGRAMA DE ANIMACIÓN Á LECTURA, QUE INCLUIRÁ CONTACONTOS E OBRADOIROS BAIXO TEMÁTICAS MENSUAIS
Este mes de outubro estará dedicado á música baixo a denominación “Contos en clave de Sol”
O Concello de Oroso inicia este sábado o seu programa de animación á lectura, dirixido a nenos e nenas de 3 a 9 anos, que este ano presenta unha gran novidade xa que as sesións de contacontos e obradoiros estarán aglutinadas baixo temáticas mensuais. Así, o mes de outubro desenvolverase baixo o título “Contos en clave de Sol”, polo que todas as lecturas e obradoiros estarán relacionadas coa música.

As sesións terán lugar todos os sábados, ás 11:00 horas, na biblioteca municipal de Sigüeiro e serán impartidos por especialistas de Xandobela, Xestión e Dinamización Sociocultural. Como en edicións anteriores, a participación nestes cursos e obradoiros é totalmente de balde, se ben é preciso reservar a praza na biblioteca municipal de Sigüeiro (981 690 903). 

Durante este mes de outubro celebraranse tres sesións (os sábados 6, 20 e 27 de outubro), así como unha sesión especial o mércores 24 de outubro, ás 18:00 horas, co gallo da celebración do Día da Biblioteca. Durante as sesións, os técnicos de Xandobela amosarán que a música está moi presente na literatura, especialmente na literatura infantil e xuvenil. Por iso, farán unha selección de lecturas onde a música sexa a protagonista para poder achegarlles aos nenos e nenas contidos literarios e tamén de expresión musical e vocal.
O concelleiro de Cultura, Antonio Leira, explica que “o Programa de Animación á Lectura é unha iniciativa que puxemos en marcha para fomentar o hábito da lectura entre rapaces de 3 a 9 anos e que permitiu achegar a biblioteca aos pequenos e as súas familias”. Unha iniciativa que incluso foi distinguida con dous premios de Animación á Lectura María Moliner.

Ningún comentario: