A CARREIRA PEDESTRE DA AMAÍA REXISTRARÁ ESTE DOMINGO UNHA DAS MAIORES PARTICIPACIÓNS DOS SEUS TRINTA ANOS DE HISTORIA: 497 INSCRITOS
Os atletas sairán da carballeira de Santa Minia ás 10:30 (nenos) e ás 11:00 horas (adultos)
A Carreira Pedestre da Amaia, que este ano chega á súa edición número trinta, rexistrará este domingo 7 de outubro unha das maiores participacións da súa historia. Unha vez pechadas as inscricións, que este ano se realizaron por primeira vez exclusivamente por Internet, están anotados un total de 497 atletas: 122 nenos/as e 375 adultos. Unha cifra moi superior aos 324 participantes rexistrados en 2011 e que practicamente duplica a participación das catro edicións anteriores, nas que se rexistraron medias de 200-250 atletas.
A XXX Carreira Pedestre da Amaia dará comezo o domingo 7 de outubro ás 10:30 horas, coa disputa da proba infantil. Os 122 menores de 12 anos darán dúas voltas arredor da Carballeira de Santa Minia (uns 500 metros). En canto remate a proba, a iso das 11:00 horas, disputarase a categoría absoluta, de 8 quilómetros de lonxitude e co mesmo percorrido que na edición de 2011. A gran novidade desta edición número trinta será que os atletas se atoparán con que a proba estará controlada mediante cronometraxe electrónica a través de chip de última xeración.
O Concello de Brión repartirá máis de 1.000 euros en premios entre as 13 categorías en disputa. Haberá trofeos e premios en metálico para os 6 vencedores absolutos, 3 homes e 3 mulleres, trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría e trofeos o primeiro home e primeira muller en cruzar a meta empadroados no Concello de Brión.
A Carreira Pedestre da Amaia é unha das probas atléticas máis importantes do panorama galego. Con trinta anos de antigüidade, converteuse nun referente na comarca de Santiago. O “maratón da Amaía” (como se denominaba nos seus inicios) sumouse os actos de celebración da Santa Minia, alá polos anos 80, pola enorme expectación e éxito da súa organización.Unha organización que corre integramente a cargo do Concello de Brión e que, grazas á presenza de importantes atletas, mellora ano tras ano.
A edición de 2011 tivo como gañador absoluto a Akka Essaâdaoui, de Salceda de Caselas, quen completou os oito quilómetros da competición nun tempo de 24 minutos e 36 segundos. O podio masculino completárono Rafael Fuentes Lubián, (Poio) e Juan Iglesias Carballo (Santiago). En canto á competición feminina, a vitoria correspondeulle a Raquel Suárez Pedrosa, de Santiago de Compostela, cun tempo de 30 minutos e 24 segundos. O segundo posto foi para a tamén santiaguesa Esther Pedrosa Carrete e a terceira praza conseguiuna Mela Penas Blanco, de Arzúa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario