O MULTIUSOS DE FRADES ACOLLE UNHA EXPOSICIÓN DIDÁCTICA SOBRE O CAMBIO CLIMÁTICO EN GALICIA
Poderá visitarse libremente ata o 11 de outubro e é posible organizar visitas guiadas chamando previamente ao Concello de Frades
O edificio multiusos José María Botana acolle dende hoxe mércores e ata o vindeiro xoves 11 de outubro a exposición "O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción". Trátase dunha mostra didáctica elaborada polo CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) que pretende dar a coñecer aos fradenses o problema ambiental do cambio climático, informando sobre as súas causas e consecuencias tanto a nivel global como en Galicia.
Ao longo dos seus 19 paneis informativos e das súas proxeccións audiovisuais, esta exposición pretende concienciar aos visitantes das consecuencias do cambio climático na nosa vida cotiá, pois provocará grandes custos ambientais, sociais e económicos que condicionarán o desenvolvemento do ser humano. Así mesmo, a mostra tenta estimular a participación e a reflexión dos visitantes ao propoñerlles novos comportamentos e accións positivas que permitan loitar contra o cambio climático e fomenten un desenvolvemento máis equilibrado, tanto social como medioambientalmente.
A exposición "O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción" poderá visitarse libremente no multiusos de Frades de luns a venres, en horario de 9 a 15:00 horas. Ademais, tamén é posible participar en visitas guiadas, para o que é preciso chamar previamente ao Concello de Frades (981 695567). De feito, na propia exposición inclúese un caderno de traballo sobre o cambio climático especialmente pensado para os escolares.
"O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción" é unha exposición organizada polo CEIDA e conta coa colaboración do Concello de Frades, do INEGA, da Xunta de Galicia, do Ministerio de Medio Ambiente, da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea e da Alianza do Clima.

Ningún comentario:
Publicar un comentario