O CONCELLO DE TEO ORGANIZA UNHA RUTA DE SENDEIRISMO NOS MONTES DE CARNOTA
Esta fin de semana realizouse unha camiñata polo monte Piquiño en Lampai na que participaron máis de 60 persoas
O Concello de Teo a través do departamento de Deportes organiza para pechar a tempada de roteiros unha camiñata polos montes de Carnota. O roteiro Torre dos Mouros permitirá coñecer diversos vestixios arqueolóxicos de distintas épocas como petróglifos da Idade de Bronce, castros da Idade de Ferro e fortificacións altomedievais como a propia Torre dos Mouros.
O roteiro realizarase o sábado 6 de outubro e as persoas interesadas poden anotarse no Rexistro Xeral do Concello. Esta actividade ten un custe de 5 euros para os gastos do traslado en autobús. A hora de saída serán as 09:00 horas dende a Casa do Concello, na Ramallosa. A dificultade do roteiro é media-baixa pero recoméndase levar almorzo, pantalón longo e calzado axeitado para camiñar. Máis información no departamento de Deportes, no teléfono 981 815 700 ou no enderezo de correo electrónico deportes@concellodeteo.com
Dende Deportes valoran moi positivamente a experiencia do roteiro desta pasada fin de semana polo Monte Piquiño en Lampai que contou coa participación de máis de 60 persoas. O tempo acompañou nun día no que os participantes puideron coñecer un pouco máis da riqueza arqueolóxica da zona, destacando os petróglifos e os xacementos megalíticos ó longo dos 21 quilómetros de tiña a ruta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario