Centos de silledenses participan nas Escolas Deportivas Municipais 2012-2013
Esta semana comezaron algunhas das modalidades, como natación, patinaxe, aquagym ou ximnasia terapéutica
As Escolas Deportivas Municipais de Silleda iniciaron nova andaina esta semana, con centos de participantes de todas as idades. Onte luns deron comezo as clases de natación para nenos e nenas na piscina do Hotel Oca Katiska, con sesións nas que participan 75 cativ@s. Tamén o luns se iniciaron as clases da escola de patinaxe, con máis de 80 alumnos e alumnas. Estas dúas modalidades son xunto coa escola de fútbol das máis demandadas, e de feito aínda seguen a anotarse nestes días moitos usuarios.
Tamén comezaron as clases de Pilates, na Casa da Xuventude; e de aquagym (na piscina do hotel) que contan xa con dous dos tres turnos totalmente cubertos. Só quedan prazas libres no turno dos mércores, de 09.00 a 10.00 horas.
Hoxe martes deron comezo as clases de ximnasia terapéutica no Centro Social de Silleda, unha actividade que tamén chegará a varias parroquias, como Cervaña, Lamela ou Graba. Tamén hoxe se iniciaron as clases de ballet e kun-fu e mañá terá lugar o inicio das sesións de tenis, con máis dunha ducia de nenos e nenas xa inscritos. Tamén nos vindeiros días comezarán as clases de pádel, equitación e aerobic.A Concellería de Deportes de Silleda, que dirixe Klaus Brey, é a encargada da organización destas actividades que ano tras ano seguen a acaparar o interese de centos de veciños e veciñas, e que manteñen os mesmos prezos que o pasado ano, “ademais de apostar pola realización en instalacións municipais para así aforrar custes”, sinala o concelleiro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario