AS PÁXINAS WEB DO CONCELLO DE BRIÓN DUPLICAN O SEU NÚMERO DE VISITAS COINCIDINDO COAS FESTAS DE SETEMBRO: CABALO, SANTA MINIA E CARREIRA PEDESTRE
Este mes de setembro rexistráronse 15.365 visitas e o Concello traballa nun novo blog sobre sendeirismo
As páxinas web do Concello de Brión duplicaron o seu número de visitas durante o pasado mes de setembro, ata chegar ás 15.365 visitas. Así o destaca o técnico de Novas Tecnoloxías de Brión, Xulio Mallo, quen sinala que “medraron moitísimo as visitas coincidindo coas festas de setembro: o Cabalo, Santa Minia e a Carreira Pedestre, que celebraremos este domingo e cuxas inscricións se están facendo exclusivamente por primeira vez a través da Internet”. Unhas inscricións que poden formalizarse a través da web municipal (www.concellodebrion.org) ata mañá martes.
Estas 15.365 visitas supoñen case duplicar a media rexistrada en 2011 (8.414) e mesmo triplicar as visitas rexistradas en setembro dos últimos anos: 5.392 (2009), 5.758 (2010) e 7.381 (2011). Unhas cifras ás que hai que engadir os máis de 2.700 amigos rexistrados polo Concello de Brión a través de Facebook e os máis de 200 seguidores a través de Twitter.
Sendeirismo
Dende o departamento de Novas Tecnoloxías trabállase agora nun novo blog sobre sendeirismo, que se unirá as dúas máis recentes incorporacións: emprego e biblioteca, cuxa posta en marcha tamén contribuíu a incrementar o número de visitas durante os últimos meses. Xulio Mallo adianta que “nos próximos días imos subir un novo blog, adicado ao sendeirismo, no que se poderá consultar toda a información sobre as catro rutas dispoñibles en Brión”.
Este novo blog ofrecerá unha presentación xeral de Brión e unha serie de consellos para a práctica do sendeirismo. Ademais, cada roteiro inclúe unha descrición de toda a ruta, cunha ficha técnica cos datos máis salientables e fotografías dos elementos máis importantes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario