O ALCALDE DE TEO INSTA Á XUNTA DE GALICIA A QUE FAGA LABORES DE MANTEMENTO NO EDIFICIO DA CÁMARA AGRARIA
O actual estado de abandono do inmoble fai que supoña incluso un perigo para os viandantes
No escrito dirixido á Secretaría Xeral de Patrimonio da Consellería de Facenda reclámase ademais que se lle busque un uso público a esta infraestrutura
O Concello de Teo a través dun escrito asinado polo alcalde, Martiño Noriega, insta á Xunta de Galicia a que se faga cargo do edificio da antiga Cámara Agraria situado no lugar da Ramallosa que se atopa nun lamentable estado de abandono, supoñendo incluso un risco para os viandantes. O inmoble é de titularidade autonómica e está situado ó carón da Casa Consistorial.
O escrito do alcalde vai acompañado dun informe técnico sobre o estado exterior do edificio e dos riscos que pode presentar. Tamén se achega un informe de Protección Civil no que se da conta das labores preventivas realizadas. Nos dous casos os textos van acompañados dunha ampla reportaxe fotográfica que deixa claro o mal estado do inmoble.
Para o Concello de Teo é “urxente que se acometan os traballos necesarios de mantemento e conservación do edificio para evitar problemas pero quizais o máis interesante é que dende a Xunta viabilicen unha saída para este local buscándolle un uso público en beneficio da veciñanza teense”.
Neste momento está sinalizado o perímetro do edificio con cabillas e cinta para prohibir que pasen persoas xa que hai ventás e portas rotas e evitar que se poidan producir danos tanto persoais como máis deterioro no propio local. Esta sinalización realizouna o Servizo Municipal de Emerxencias a petición do concelleiro de Servizos Básicos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario