PÉCHASE O PRIMEIRO FIN DE SEMANA DO MERCADILLO SOLIDARIO CUN IMPORTANTE ÉXITO DE PÚBLICO
· As asociacións participantes tamén se amosan satisfeitas coa cantidade recadada e dende o Concello confiase en que esta iniciativa se repita máis alá deste Nadal
05 de decembro de 2011. O primeiro fin de semana do Mercadillo solidario das asociacións pechouse cun importante éxito de público. Concretamente as cifras que manexa o Departamento de Cultura, dirixido por Carme Hermida, calculan que ó redor de 1.000 persoas pasaron pola Casa Común de Rarís nestas dúas xornadas iniciais.
As asociacións participantes foron Aspamite, a Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos, Teenses pola Igualdade, a Asociación Lúa Chea e a Asociación Veciñal Nova Revolta de Rarís. Todos os colectivos presentes se amosaron satisfeitos con esta iniciativa e coa cantidade de cartos recadados pola venta de produtos, que se achegou ós 2 000 euros. Segundo explican dende a organización os obxectos que máis se venderon foron xoguetes e sobre todo libros.
Carme Hermida explica que “as cifras de participación animan a continuar con esta iniciativa, non só para o vindeiro fin de semana, senón en datas futuras”. Durante estas dúas xornadas inaugurais realizáronse actividades de animación en colaboración coas asociacións, o que tamén animou á xente a achegarse ó mercadillo. Os edís Uxía Lemus e Xosé Manuel Guerra pasaron tamén pola Casa Común de Rarís.
Os días 10 e 11 volverá abrir o mercadillo en Rarís de 11:00 a 14:30 horas e de 16:30 ás 21:00 horas. As actividades previstas para eses días son contacontos, obradoiros de maquillaxe, xogos populares, a obra “Ensalada de instrumentos” do grupo Os Tres Tenedores e o baile e a música dos grupos infantís da A.C. A Mámoa.
A edil Carme Hermida reitera que esta experiencia se pon en marcha en colaboración co movemento asociativo, como unha solución para que “as asociación busquen novas vías de financiamento”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario