O CONCELLO DE TEO VOLVE A CELEBRAR O ENCONTRO DE VOCES CORAIS CANTATEO, TRADICIONAL NO MES DE DECEMBRO
· Esta fin de semana a programación cultural céntrase nas propostas familiares e propias do Nadal
08 de decembro de 2011. O Concello de Teo presenta un ano máis o encontro de voces corais Cantateo, que se celebra tradicionalmente nos domingos do mes de decembro. Este ano as sesións celebraranse os domingos 11 e 18 no salón de actos do CSC da Ramallosa a partir das 18:00 horas, xa que os fins de semana seguintes coinciden coas datas máis típicas do Nadal e xornadas festivas.
O 11 de decembro actuarán a Coral Polifónica da SR de San Xoán de Calo, a Coral Polifónica de Luou e o Coro parroquial de “San Miguel de Raríz”. O domingo 18 de decembro pecharán esta edición do Cantateo as seguintes formacións: a Coral da AC Cruceiro do Monte, o Grupo de Canto Aleceia dos Tilos e o Coro da Rá.
Carme Hermida, edil de Cultura e responsable da programación cultural destaca a aposta por manter iniciativas coma o Cantateo que visibilizan o traballo de todo o ano das diferentes coros e corais que funcionan no Concello de Teo. Cada ano destaca a presenza dun grupo de fóra do municipio como un xeito de intercambio cultural.
Actividades para todos os públicos
Pola súa banda este fin de semana estará cheo de actividade cultural e lúdica en Teo a través das corais, do teatro, da maxia e do mercadillo solidario. O sábado 10 de decembro ás 18:00 horas no CSC da Ramallosa poderase ver o espectáculo de maxia familiar “Gran formato” do mago Cayetano Lledó. O acceso é libre e gratuíto ata completar aforo.
E durante todo o fin de semana volverá a celebrarse o Mercadillo solidario de Nadal na Casa Común de Rarís, entre as 11:00 e as 14:30 horas e as 16:30 e as 21.00 horas. As numerosas actividades paralelas programadas no mercadillo de seguro animarán a moitas persoas a achegarse. O sábado entre a partir das 12:00 horas haberá unha sesión de contacontos e pola tarde dende as 17:00 horas un obradoiro infantil de maquillaxe.
O domingo pola mañá faranse xogos populares e unha exhibición de Agillity e pola tardea partir das 17:00 horas poderase desfrutar do espectáculo musical infantil “Ensalada de instrumentos” da compañía Os Tres Tenedores e da actuación dos grupos infantís da A.C. A Mámoa de Luou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario