MÁIS DUN CENTO DE VECIÑOS PARTICIPARON
NO CONCERTO DE CORAIS DE OROSO, NO QUE ACTUARON AS CORAIS DE LUOU, ORDES E SENRA
5 de decembro de 2011.- Máis dun cento de veciños e veciñas de Oroso encheron o auditorio do centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro na noite de sábado para asistiren ao tradicional Concerto de Corais, que organiza cada ano a Coral Santa Eulalia de Senra. Durante algo máis de media hora, tres formacións corais da contorna fixeron as delicias dos asistentes interpretando cinco pezas cada unha, da súa elección, para rematar as tres corais interpretando xuntas o himno galego.
No concerto participaron dúas formacións xa habituais deste certame como son a coral de Santa Cruz de Montaos (Ordes) e os anfitrións da Coral Santa Eulaia de Senra (Oroso), que interpretaron tres habaneras, unha panxoliña e o coro de escravos de Nabuco, que espertou os maiores aplausos. A formación debutante este ano, a coral de Luou (Teo) abraiou a todos os presentes polo seu gran nivel interpretando pezas como “O rodaballo”, Boiadeiro”, “Maruxiña”, “Mas vale trocar” ou “Velaivai”.
O Certame de Corais de Oroso foi organizado pola Coral Santa Eulalia de Senra, en colaboración co Concello de Oroso e a Deputación da Coruña. Este ano adiantou a súa data tradicional de celebración (o último sábado de decembro) ao coincidiren esas datas coas celebracións de Fin de Ano e de Noiteboa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario