Silleda – recuperación de fontes e lavadoiros

O Concello de Silleda promove a recuperación de fontes e lavadoiros en distintos puntos do rural

-Ademais da recuperación da de Cardigonde, a petición municipal as obras da traída de Cortegada inclúen como mellora o arranxo de outra en A Brea

-Tamén se creará outra en Saídres, aproveitando un dos mananciais atopados na realización

Silleda, 5 de decembro de 2011. O Concello de Silleda, a través do departamento de Obras e Servizos, que dirixe Manuel Cuíña, está a promover a recuperación do patrimonio etnográfico no rural. Logo do arranxo da fonte e lavadoiro de Cardigonde, en Cortegada, estes días estanse a acometer tamén na citada parroquia traballos para adecentar a fonte da Brea. Esta actuación figura como mellora complementaria á obra da traída de auga de Cortegada (que rematou hai uns días), a instancias do goberno municipal silledense.

“Dende o Concello trataremos de recuperar na medida do posible as fontes, lavadoiros e outros elementos etnográficos do rural para a súa posta en valor”, explica o concelleiro Manuel Cuíña. No caso da fonte de Cardigonde, a actuación municipal complementouse coa instalación dun banco a modo de parladoiro, unha figura tradicional para a interrelación dos veciños e veciñas nas aldeas, e que se quere recuperar nos enclaves rurais de Silleda.

Así mesmo, tamén se procederá á dotación dunha nova fonte na parroquia de Saídres, utilizando un pequeno manancial que atopou coas obras para a traída de augas nesta localidade.

Ningún comentario: