BNG A Estrada – o Pp dinamita o consenso sobre a cidade do moble

O PP dinamita o consenso e a unanimidade a respecto da Cidade do Móbel rexeitando a emenda do BNG de 3.500.000 euros para a Cidade do Móbel

Xosé Magariños indica que o alcalde ten unha nova oportunidade de emendar o voto negativo do seu partido e facer valer o seu peso político na Xunta de Galiza cando a moción do BNG se debata novamente no Pleno do Parlamento

A Estrada, 5 de decembro de 2011: Logo de que o pasado xoves, no pleno ordinario do mes de decembro, os grupos políticos con representación na corporación municipal, consensuaran e aprobaran por unanimidade unha moción na que se instaba á Xunta de Galiza a consignar nos orzamentos de 2012 unha serie de cantidades significativamente máis elevadas que as consignadas inicialmente para a Cidade do Móbel, o BNG denuncia que o PP acaba de tirar por terra este consenso, ao votar hoxe en contra das emendas dos nacionalistas sobre este proxecto na comisión de industria do Parlamento Galego.

Xosé Magariños indicou que “se ao PP non lle interesa nada este proxecto é mellor que o diga claramente, pero que deixe de enredar co tema da Cidade do Móbel”. “O PP,”, explicou o concelleiro nacionalista, “dinamita o consenso e a unanimidade existente no pobo da Estrada e no sector do móbel, que quere apostar por este proxecto, que potenciaría o sector do móbel, e sería un impulso para a creación de emprego na Estrada”.

O portavoz municipal do BNG, insistiu en que “o PP ten demostrado que non lle interesa o máis mínimo apostar pola Cidade do Móbel: en 2009 cando só lle faltaban uns dous ou tres meses para a súa aprobación definitiva, o PP paraliza o proxecto, e realiza outro cun importante recorte a respecto do proxecto inicial do BNG; e malia ser unha reiterada promesa electoral, van alá dous anos, e o PP empéñase en non darlle o impulso necesario á Cidade do Móbel, un impulso, que cómpre facer a través dos orzamentos da Xunta, que como todos sabemos non recolle as partidas orzamentarias suficientes para garantir a viabilidade do proxecto”.

“Neste sentido,” engadiu Magariños, “o BNG emendou os orzamentos da Xunta de 2010 e 2011 e 2012 con partidas que si lle darían o impulso necesario á Cidade do Móbel, pero foron sistematicamente rexeitadas polo PP”.

Xosé Magariños explicou que logo da discusión en comisión pasarán a pleno, e “o alcalde ten a oportunidade de facer valer o seu peso político na Xunta de Galiza, facendo as xestións pertinentes para que o seu partido contemple a emenda do BNG, unha emenda que aportaría 3.500.000 euros á Cidade do Móbel dentro dos orzamentos da Xunta de Galiza de 2012, unha cantidade consensuada e aprobada por unanimidade o pasado xoves no pleno ordinario do mes de decembro”.

“As mocións son para cumprilas, non un brindis ao sol”, remachou o portavoz municipal do BNG.

Ningún comentario: