Silleda - Colaboración cos alumnos do ciclo de comercio do IES Pintor Colmeiro

A Concelleira de Comercio do Concello de Silleda, Ana Luísa González Costa, ven de ter unha primeira reunión con mestres e alumnos do ciclo de comercio do instituto Pintor Colmeiro, co fin de elaborar as bases de colaboración para a realización dun estudio de mercado do comercio do concello.

A iniciativa, nace co obxectivo de coñecer as necesidades do mercado, isto é, analizar qué queren os que compran, e qué ofrecen os que venden, co fin de detectar as carencias a mellorar, para así intentar poñer remedio, promovendo por parte do concello, cursos especializados, charlas informativas, etc.

Un equipo de alumnos do ciclo de comercio disporá de dous meses para elaborar unhas enquisas, dirixidas tanto a clientes coma a comerciantes que, unha vez realizadas e analizadas, reflexarán o diagnóstico do mercado.

O equipo de alumnos que colabore neste proxecto, verase premiado economicamente ó final do mesmo.

“Consideramos que é un estudio que beneficia a tódalas partes. Para o comercio representará unha instantánea sobre a situación e as necesidades dos potenciais clientes, e para os alumnos é unha maneira de poñer en práctica o aprendido no ciclo de formación”- indica a concelleira, Ana Luísa González Costa.


Esta medida, que ven a complementar a outras postas en marcha recentemente polo goberno, como pode ser o Plan Municipal de Creación de Emprego, pretende dinamizar a actividade comercial, e o fomento do emprego.

Oroso - O pleno aproba hoxe os orzamentos do ano

O Concello de Oroso celebrará mañá venres 19 de febreiro, ás 9:30 horas, unha sesión extraordinaria na que aprobarán inicialmente o orzamento municipal para 2016, que medra un 21% con respecto aos de 2015. Uns orzamentos que contemplan un superávit de 48.404,85 euros, xa que o orzamento de gastos ascende a 6.322.557,25 euros mentres que o orzamento de ingresos é de 6.370.962,10 euros.

O alcalde, Manuel Mirás, considera que se trata “dun orzamento moi inversor, con investimentos sostibles que non traen gasto futuro ao Concello”. Entre estes proxectos destacan actuacións como os 200.000 euros para a reurbanización da avenida da Grabanxa, os 120.761 euros para a construción do Centro Cívico da parroquia de Oroso ou os 275.000 euros para dúas novas sendas peonís: de A Baiuca ata A Igrexa (na parroquia de Senra) e dende a rúa María Casares (Porto Avieira) ata o núcleo de Piñeirón (Gándara).

Infraestruturas e deporte

Na partida de orzamentos destacan especialmente os 560.000 euros destinados a insfraestruturas deportivas no municipio, que inclúen a construción de dúas pistas de tenis e unha pista de pádel cuberta, a construción dun campo de fútbol de céspede artificial, a reforma dos vestiarios do campo de fútbol Lino Balado e a mellora da iluminación nos campos de fútbol de Deixebre e Sigüeiro.

Así mesmo, resérvanse máis de 861.000 euros a actuacións na rede de estradas e seguridade viaria, como os 74.000 euros para o asfaltado da pista que vai a Mixoi dende o enlace a Castiñeiro Redondo, os 54.000 euros para mellora da calzada da rúa da Tosca (Sigüeiro), os 23.000 euros na mellora dos accesos ao Refuxio ou os 235.000 euros para mellora da rede viaria municipal. Entre es proxectos tamén destacan os 60.000 euros para as beirarrúas no lugar de O Barreiro e os 58.000 euros para a construción das beirarrúas na N-550.

Para actuacións en materia de saneamento e abastecemento, os orzamentos de 2016 contemplan un investimento de case 180.000 euros nos núcleos de Cachopal (Calvente), A Igrexa (Oroso), Valverde (Vilarromariz) e O Barreiro (Oroso). Os Orzamentos de 2016 contan cun informe de Intervención favorable e que cumpren cos obxectivos de estabilidade orzamentaria, regra de gasto, límite de débeda e límite de gasto non financeiro.

O pleno desenvolverase de acordo coa seguinte Orde do Día:

1. Aprobación inicial do orzamento municipal correspondente ao exercicio 2016

2. Aprobación da modificación puntual da relación de postos de traballo do Concello de Oroso

3. Aprobación do convenio colectivo regulador das condicións de traballo do persoal laboral ao servizo do Concello de Oroso

4. Aprobación da ratificación da resolución da Alcaldía nº 85/2016 de corrección de erros no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS 2016) para o Concello de Oroso.

Numax - Boletín do 19 ao 25 de febreiro

O Cinema NUMAX viaxa á Amazonía con «El abrazo de la serpiente»

A semana cinematográfica arranca en NUMAX o venres 19 de febreiro cunha singular visita á selva amazónica da man de El abrazo de la serpiente, de Ciro Guerra. Filmada en Vaupés, unha rexión situada na fronteira entre Colombia e Brasil onde se conservan extensas franxas de selva virxe, a obra busca achegarse á diversidade dun bosque que, en palabras de Guerra, «cobre case a metade de Colombia mais fica, para a meirande parte dos meus compatriotas, infinitamente afastado, ausente, case esquecido». Rodado nun sobrecolledor branco e negro e coa colaboración dos habitantes do lugar tanto diante coma detrás da cámara, o filme lévanos á historia dun poderoso chamán, último supervivente da súa tribo, que emprende unha viaxe ao corazón da Amazonía canda un etnobotánico norteamericano. El abrazo de la serpiente vén de causar sensación nos cinemas de Colombia e máis en festivais internacionais, sendo nomeado aos Oscar 2016 ao mellor filme de fala non inglesa.

Máis propostas en carteleira

Outro dos grandes protagonistas da semana é o cineasta berciano afincado en Cataluña Luis Aller, cuxo Transeúntes continúa en cartel. Construído a xeito de sinfonía urbana da cidade de Barcelona, segundo o crítico Quim Casas neste filme «prodúcese o instante en que Griffith atopou a Godard». Ademais, Aller visitará o Cinema NUMAX o sábado 20 de febreiro para inaugurar a Aula «Os ollos verdes» e presentar en sala Transeúntes na sesión das 20:10.
Ademais, ao longo toda a semana podedes seguir gozando de Carol, a adaptación de Todd Haynes da novela homónima de Patricia Highsmith, que nos transporta ao Nova York dos anos 50 a través da historia de amor entre Carol Aird, muller casada de clase alta, e Therese Belivet, unha moza dependenta nunha tenda de xoguetes.
Tamén continúa en cartel O fillo de Saúl, de László Nemes, filme que vén de abraiar en festivais internacionais ao abordar o trauma do Holocausto mergullando o espectador nunha experiencia inédita.

Luis Aller inaugura a Aula «Os ollos verdes» cunha clase de linguaxe cinematográfica

O director e profesor de cinema Luis Allerinaugura a Aula «Os ollos verdes» de NUMAX co relatorio «A historia do cinema en 7 secuencias, 1 sombra e 1 travelling», no que afondará nos distintos elementos que interveñen na linguaxe cinematográfica. A Aula terá lugar o vindeiro sábado 20 de febreiro ás 11:30 e a entrada é de balde. O propio sábado, ás 20:10, Luis Aller presentará o seu último filme,Transeúntes, en carteleira en NUMAX desde o 17 de febreiro.

Margarita Ledo presenta na Libraría NUMAX «Manuel María: Eu son fala e terra desta miña terra»

A cineasta, catedrática e académica Margarita Ledo Andión achegarase o xoves 25 de febreiro ás 20:30á Libraría NUMAX para presentar a edición en formato libro-DVD do filme Manuel María: Eu son fala e terra desta miña terra, cuxo deseño correu a cargo do Laboratorio NUMAX. No acto de presentación intervirá tamén o escritor e editor Miguel Anxo Fernán Vello.

El abrazo de la serpiente
(Ciro Guerra, 2015)

Programación

Venres 19 de febreiro

12:00 Transeúntes (vo)
15:45 O fillo de Saúl
17:45 El abrazo de la serpiente Estrea
20:10 El abrazo de la serpiente
22:30 Carol


Sábado 20 de febreiro

11:30 Encontro con Luis Aller
Aula «Os ollos verdes»
15:45 Carol
17:55 El abrazo de la serpiente
20:10 Transeúntes (vo)
Presentación e debate co director

22:40 El abrazo de la serpiente


Domingo 21 de febreiro

15:45 Carol
18:00 Transeúntes (vo)
20:00 El abrazo de la serpiente
22:20 O fillo de Saúl

Martes 23 de febreiro

12:00 El abrazo de la serpiente
15:45 O fillo de Saúl
17:45 Carol
20:00 El Abrazo de la serpiente
22:20 Transeúntes (vo)


Mércores 24 de febreiro

12:00 Carol
15:45 Transeúntes (vo)
17:45 El abrazo de la serpiente
20:10 O fillo de Saúl
22:10 El abrazo de la serpiente


Xoves 25 de febreiro

12:00 El abrazo de la serpiente
15:45 Carol
18:00 Transeúntes (vo)
20:00 El abrazo de la serpiente
22:20 O fillo de Saúl
Último pase
VO: Versión orixinal sen subtítulos | VOSG: Versión orixinal subtitulada en galego

Na Libraría NUMAX

Manuel María: Eu son fala e terra desta miña terra
Margarita Ledo Andión

Entre o filme de montaxe de imaxes de diferentes fontes, motivos e épocas, e o filme de rodaxe por entre espazos alegóricos que poñen en imaxe a personalidade de Manuel María, o documental pénsase coma un eco interior, con elementos moi próximos ás técnicas de filmar o íntimo.
 
Piedras
Roger Caillois

Obra que resume parte da ductilidade do pensamento de Caillois ao falar dunha cuestión que a historia da arte linda sen tregua e que nunca chega a analizar: as pedras que contemplan impasíbeis o paso do tempo e a partir das cales Caillois propón unha reconstrución do mundo.

Ordes - 25 aniversario da Banda de música do concello

A Banda de Música de Ordes prepara o seu 25 aniversario con distintos eventos que terán lugar ao longo de todo o ano. Un amplo programa deseñado pola Asociación Cultural Amigos da Música de Ordes e dirixido especialmente ao pobo de Ordes, o seu público máis fiel. Como eixe central da dita conmemoración destaca a gravación dun CD, para o que contarán coa participación de agrupacións folclóricas como Os Viqueira ou Pelexos de Ordes, as corais polifónicas de Santa Eulalia de Senra e Santa Cruz de Montaos, ou o trio Vaamonde, Lamas & Romero. Un traballo cuxa presentación oficial está prevista para finais de ano na casa da cultura ordense. 

Pricesamente na compaña destes últimos desenvolverase a primeira das citas, posta para o sábado 27 de febreiro. Ese día subirán todos ao escenario da discoteca LP 45 para ofrecer un espectáculo que se poderá desfrutar de balde a partir das 19.45 horas, e que inclúe arranxos realizados polo saxofonista e compositor Roberto Somoza. Nel se combinan sabor popular e modernidade. Música popular e teatralidade aderezados con grandes doses de humor e retranca que farán deste un espectáculo único e distinto, no cal colabora o Concello de Ordes. 

'A tres bandas' 

Para o primeiro fin de semana do mes de agosto está previsto o concerto titulado 'A tres bandas'. Unha actuación conxunta coas bandas de Arca e Boiro que congregará a máis de 100 músicos sobre o escenario que se instalará na Alameda de Ordes. Muiñeiras e xotas galegas, pasodobres, obras modernas, operetas etc, serán parte do repertorio. 

Este ano máis ca nunca o 26 de novembro se celebrará a festividade da súa patroa, Santa Icía. Pasarrúas e concertos, actuacións musicais, colchonetas e xogos para cativos, concursos e sorteos, xantares e encontros populares sucederanse durante toda a xornada. 

Xa de cara ao Nadal tamén se plantexa a posibilidade de ofrecer un espectáculo musical familiar de monicreques na que a suite do 'Crebanoces', composta por Tchaikowsky, será un protagonista máis. 

Con todo isto preténdese levar a cabo unha celebración que se extenda ao longo de todo un ano, e sen que esté limitada por áreas xeográficas, franxas de idade ou preferencias estilísticas. “Nos nosos concertos poderanse escoitar pezas de todos os estilos e procedencias. Tamén temos preparados espectáculos familiares para que os más novos e novas poidan aprezar a música de autor, e outros combinados co humor”, aseguran dende a organización. “Todo isto cunha finalidade predominante, que a música das bandas perdure ao longo do tempo”, aseguran os compoñentes da Banda de Música de Ordes. 

Axenda e tempo do xoves 18 de febreiro - música, poesía, exposicións

Santiago - Numax 

Santiago - Luis Tosar coa Real Filharmonía de Galicia

Santiago - Fundación Araguaney - Poemario de Pilar Salamanca

Santiago - Casa das Crechas - Coladera

Santiago - Museo de Ciencias Naturais - Mostra sobre legumes

Santiago - Museo do Pobo Galego - Mostra de Gabriel Tizón

Ames - Charla sobre manexo de teléfonos móviles 



Exposicións
Santiago - Gaias - José Suárez - Uns ollos vivos que pensan (ata o 27 de marzo) 

Santiago - Museo de Ciencias Naturais - Mostra sobre legumes

Santiago - Museo do Pobo Galego - Mostra de Gabriel Tizón

Santiago - Museo do Pobo galego - "Unha porta do Rial. Ehlaba Carballo e Riobó Prada" (ata o 6 de marzo)

O Tempo

Teo - Cambio día e ubicación mercadiño Cacheiras

A concellaría de promoción económica de Teo, dirixida por Conchi García, leva semanas traballando no que se agarda sexa unha nova etapa do mercadiño de venda ambulante que se celebra en Cacheiras. Nesta nova andaina o día de celebración do mercado será o venres, polo que dende este 19 de febreiro xa estará funcionando. 

Outro cambio fundamental será a ubicación. Os postos que se estaban instalando neste momento facíano no vial que vai dende a estrada AC-841 cara a igrexa de Cacheiras pero calquera incremento no número de postos alí esixía pensar en cortes de circulación e vías alternativas para o tráfico. Para evitar estes inconvintes dende o Concello decidiuse unha ubicación alternativa. Concretamente os postos estarán colocados na vía de servizo que hai na mesma zona, na Travesía de Cacheiras, onde hai espazo para aparcar pero non se interrumpe o tráfico. Trátase dunha nova ubicación e nestes primeiros meses irase valorando a resposta que ten o mercado para ver se esta nova ubicación é suficiente e axeitada. 

Neste momento o Concello ten solicitudes xa para a instalación de máis de quince postos de venda e entre os produtos que se poderán atopar haberá textil, calzado, alimentación, flores… O horario de funcionamento do mercado será todos os venres de 09:00 a 14:00 horas.

Santiago - Luis Tosar coa Real Filharmonía de Galicia

No seu concerto desta semana a Real Filharmonía de Galicia réndelle homenaxe ao poeta, dramaturgo e actor inglés William Shakespeare, do que se cumpren 400 anos da súa morte. Será mañá xoves, 18 de febreiro, no compostelán Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas, baixo a batuta do director titular e artístico da RFG, Paul Daniel, que antes da cita, ás 20:15 horas, manterá unha charla previa cos asistentes.

Os músicos achegarán ao público Hamlet de Dmitri Shostakóvich (1906-1975), considerado un dos compositores máis importantes do século XX. Compuxo esta obra para a versión rusa da película que se fixo en 1964, unha adaptación da traxedia de Shakespeare sobre o príncipe de Dinamarca disposto a vingar a morte do seu pai.

Hamlet é a peza máis longa de Shakespeare e unha das traxedias máis influentes da literatura inglesa. Nesta ocasión contarase coa voz do actor galego Luís Tosar, que participará nesta homenaxe como narrador. Empregarase a tradución ao galego realizada por Miguel Pérez Romero en 1993.

Luís Tosar: “Procuraremos rirnos de Shakespeare”

Luís Tosar sinala que “esta é unha experiencia novidosa para min, nunca antes fixera algo tan cercano a isto cunha orquestra filharmónica. Vai ser moi especial. Hamlet é unha peza coa que estou familiarizado porque xa a teño representado pero neste proxecto coa Real Filharmonía de Galicia imos tentar dar unha visión máis cercana da orixinal, moito máis satírica e máis irónica. Procurarei desembarazarme do concepto que xa tiña eu de Hamlet, con moita carga dramática. Intentaremos rirnos máis de Shakespeare, perderlle un pouco o respecto que sempre se lle ten aos grandes autores. A loita é entón separarnos da crudeza, da pesadez, facelo algo máis directo porque ao final é un espectáculo musical”.

O pianista Nicholas Angelich

Ademais, o público terá a oportunidade de gozar co pianista estadounidense Nicholas Angelich, que interpretará o Concerto para piano nº 3 de Prokofiev (1891-1953). Comezou a estudar piano coa súa nai ao cinco anos, aos sete ofreceu o seu primeiro concerto e ao trece ingresou no Conservatorio Nacional Superior de Música de París, onde obtivo o primeiro premio de piano e música de cámara. Ao longo da súa traxectoria profesional recibiu multitude de galardóns en certames internacionais de piano. En 2003 debutou coa Filharmónica de Nova York no Lincoln Center e en 2004 realizou unha xira por Xapón coa Orquestra Nacional de Francia. Actuou coas principais orquestras de Norteamérica, Europa, Corea do Sur, Xapón e China. Traballou baixo a dirección dos directores máis prestixiosos e os seus discos recibiron os máis importantes galardóns da música.

A “Sinfonía nº 10” de Mendelssohn

Os músicos tocarán tamén a Sinfonía para cordas nº 10 do compositor romántico alemán Felix Mendelssohn (1809-1847). Escribiu as súas “12 Sinfonías para Corda" cando tiña entre 12 e 14 anos de idade. Foron as súas primeiras obras e non se publicaron ata despois da súa morte, pola habitual razón de Mendelssohn de prohibir a publicación da partitura das súas obras. Nelas apréciase a enorme atracción que o compositor sentía por Mozart e, sobre todo, por Bach. Do número 10 só se conserva un movemento.

Fundación Araguaney - Presentación dun poemario de Pilar Salamanca

La escritora Pilar Salamanca, premio Miguel Delibes de narrativa en 2008, presentará hoy jueves, día 18, en la Fundación Araguaney-Puente de Culturas (Hotel Eurostars Araguaney, calle Alfredo Brañas, 5) su último libro de poemas, “Días de lengua roja” (Agilice digital , 2014). El evento, que se celebrará a las 20:00 horas, estará presentado por la poeta gallega Yolanda Castaño.

Pilar Salamanca explica que el poemario, que cuenta con ilustraciones de Lorenzo Cruz Santibáñez, es un homenaje en 53 poemas a las “hermosas” palabras provenientes de la lengua árabe que subsisten en el castellano, aunque muchas de ellas, ya antiguas, apenas si se recuerdan o mucho menos se utilizan.


Además, la obra se vertebra como una rememoración de las historias de las tribus árabes y aparece dividiva en tres partes en las que “se rememora y recrea la tradición oral y la historia de un pueblo”. La primera colección, llamada Lengua Vieja, está dedicada a los moriscos y narra su expulsión de España a finales del siglo XVI. En la segunda parte, Lengua Rota, Pilar Salamanca se inspira en acontecimientos que tuvieron lugar en los años de la 2ª Guerra Mundial y cuenta cómo el colonialismo británico “rompió como de costumbre” las promesas hechas a las tribus árabes en su levantamiento contra el Imperio Otomano con Lawrence de Arabia como líder. Y en la última parte, titulada Lengua Roja, la escritora habla de la sangre derramada en Palestina y los sentimientos de su pueblo.

Museo do Pobo Galego - Escola do fotógrafo GabrielTizón

Hoxe Xoves 18 de febreiro, ás 19:30, no Museo do Pobo Galego, preséntase unha escolma das imaxes realizadas polo fotógrafo ferrolán Gabriel Tizón ao longo de vinte anos de percorridos por Galicia.

Gabriel Tizón é un buscador infatigable de paisaxes humanas. Alí onde vaia, sexa en Europa ou no Magreb, en África subsahariana ou en Indonesia, nas ribeiras do Mediterráneo azoutadas pola gran vaga migratoria dos que foxen da violencia na procura dun refuxio seguro para si e as súas familias, ou na súa Ferrolterra natal, empuña a cámara como un apéndice da súa mirada atenta para retratar os seres humanos que o rodean, coa maior obxectividade posible, sen deixar que as emocións medien no seu traballo. Iso queda para despois, para os encontros persoais cos retratados, para ir construíndo a crónica desas realidades que logo comunica nas súas publicacións e conferencias.

Entre nós é unha serie de imaxes cotiás, un conxunto de escenas diversas e familiares nas que todos podemos recoñecer moitos deses rostros e paisaxes. Foi en Casablanca, da man do Instituto Cervantes, onde primeiro se mostraron a maioría destas fotos, que agora ven a luz en Galicia. Pero deixemos que sexa o autor quen o diga coas súas propias palabras.

«Esta mostra consta de imaxes realizadas nas últimas dúas décadas da miña vida como fotógrafo ao longo do meu país, Galicia. Levo case 20 anos facendo imaxes polos catro continentes, pero cando reviso o meu arquivo a inmensa maioría están feitas na miña terra, e penso que chegou o momento de presentarllas ao público. Cada vez que me atopaba lonxe das nosas fronteiras apreciaba máis os valores aprendidos do meu país, porque como dixo unha veciña na miña aldea »Galicia ensinoume a viaxar. País de xentes de mar e terra, rico en ideas propias e rico en ideas apropiadas da emigración retornada. TERRA RICA, e por iso non entendo un certo pesimismo que aínda pesa sobre os que vivimos nela; ela quérenos ben e nós deberiamos querela como se merece. Boto en falta unha Galicia máis presumida, espero que as miñas imaxes transmitan este sentimento propio.

»Agora sinto que debo devolverlle en público a Galicia os valores que me concedeu, os que levo

Ames - Cursos sobre manexo de teléfonos móviles no local de JUPEMI

O local de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro (JUPEMI) vai acoller esta semana, o mércores 17 e o xoves 18, un curso de manexo do teléfono móbil intelixente impartido por ATEGAL e pola Fundación Vodafone. O curso comeza ambos días ás 19:00 e remata ás 20:30 horas e enmárcase dentro do programa municipal Envellecemento Activo. A asistencia é gratuíta e está aberta a todos aqueles e aquelas que desexen participar.

Nun contexto social no que os chamados teléfonos intelixentes son cada vez máis empregados este curso busca axudar aos maiores a sacar o máximo partido destes dispositivos, centrándose sobre todo en axudalos a comunicarse empregando a mensaxería instantánea cos seus familiares e amigos. Desta forma quérese contribuír a aumentar a independencia e autonomía dos maiores. 

A programación tamén inclúe explicacións e consellos para descargar e instalar aplicacións no teléfono móbil empregando Google Play. O curso terá unha duración total de catro horas. O local do JUPEMI está situado no Milladoiro, na Rúa Figueiras número 3. 

Casa das Crechas - Hoxe concerto de Coladera

Este xoves a Casa das Crechas acolle un concerto de COLADERA (Vítor Santana, Joao Pires e Miroca Paris), un proxecto que celebra o encontro musical de tres mundos musicais que homenaxean os ritmos lusófonos e teñen na língua de expresión portuguesa a matriz deste traballo. Os mundos do Brasil e de Portugal fúndense diálogo baseado soamente en guitarras, percusións e voces, traendo un ambiente sonoro rico e mestizo. Óense ecos de África, do candomblé, do fado e do flamenco, do samba, da rumba e do mambo, un portugués con sotaques diferentes alén do tempero especial da percusión acústica. Todo iso da maneira máis crua e directa.

A coladera é un ritmo popular caboverdiano nacido da morna, á súa vez orixinada de ritmos como o fado português e o lundum angolano. Também foi influenciada polo samba, pola rumba e pola cumbia. É símbolo deste fluxo vivo que constitúe o encontro de diferentes matrizes da música popular iberoamericana, a un só tempo tradicional e mestiza, negra e branca, raíz e invención.

João Pires trae a canción portuguesa, a guitarra ibérica e a vertente africana traída dos anos nos que viviu en Cabo Verde. Vitor Santana engade a súa voz e seu violão popular brasileiro, a influencia latina e a súa ligazón profunda con Cuba. Miroca Paris completa o trío coa mellor herdanza dos batuques de matriz africana, en máis de dez instrumentos de percusión orixinarios de tres continentes onde se fala o português.

USC - Mostra sobre as legumes

No seu 68º período de sesión, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou 2016 como Ano Internacional dos Legumes (AIL2016). Por este motivo, a Universidade de Santiago de Compostela a través do Museo de Historia Natural organiza unha exposición temporal que xa se pode visitar de balde.

Nesta exposición móstranse máis de trinta legumes diferentes, ordenadas por especies representativas de cultivos que na actualidade e noutros tempos houbo en Galicia. Contén sementes de fabas, garavanzos, lentellas e chícharos, acompañados de fichas explicativas das plantas que os producen e a historia do seu cultivo. 

En relación con este Ano Internacional dos Legumes, o Museo de Historia Natural organiza tamén un obradoiro para nenos no mes de abril.

Ames Novo - O goberno de Ames se carga o servizo de animación á lectura no rural.

A pasada fin de semana subíase á web do concello no espazo de novas que o concello retoma a programación de animación á lectura para os meses de febreiro e marzo, pero a gran nova é a ausencia de programación para os nenas e nenos do rural. 

Os recortes prodúcense nun servizo que leva funcionamento aproximadamente 12 anos e que apostaba pola formación a cultura e o lecer desde edades tempranas. As actividades programadas estaban recomendadas para a poboación infantil a partir dos 3 anos, e incluían a todas as nenas e nenos de Ames, con independencia da súa ubicación no territorio. Un servizo importante que poñía en valor a importancia da lectura e a cultura para todas e todos con actividades non so nos núcleos urbanos de Milladoiro e Bertamiráns senón tamén nos locais sociais das parroquias amesás. 

É sorprendente que un goberno que se di de esquerdas e progresista recorte precisamente por aquí, un servizo que o Partido Popular con Santiago Amor á cabeza mantivo intacto durante o mandato anterior e que ofrecía actividades nos locais de Augapesada e Bugallido. Desde Ames Novo queremos denunciar este feito que pon de manifesto unha vez máis que este non é o goberno da xente.

Psoe A Baña - Demanda da aplicación da normativa de corta e plantacións, e que se tomen as medidas pertinentes.

Queremos denunciar o malestar dos veciños e veciñas polo mal uso que fan as empresas de corta de madeira das pistas do noso concello. Todos sabemos, e o alcalde tamén, que cando retiran a madeira, as pistas utilizadas para o almacenamento e transporte da madeira quedan nun estado lamentable. E para mostra un botón, o camiño de Pedra Alba na Barcala o Castro, que foi reparado o ano pasado cos cartos dos veciños da Baña por máis de 15.000€, e xa está de novo intransitable polos estragos que as empresas de corta de madeira nela fixeron.

Solicitamos que dunha vez por todas se faga cumprir as ordenanzas para con estas empresas, que se lles esixa un aval bancario como fan outros concellos, e que unha vez rematados os traballos se comprobe por parte do concello en que condicións quedan as pistas.

Achegamos documento gráfico aportado por un veciño de da parroquia de Barcala da siutiación na que se atopan as pistas despois da retirada da madeira por parte das empresas.

Arzúa - Creación do premio "Arzuán do ano"

Arzúa engade un novo aliciente á Festa do Queixo. O Goberno Municipal vén de anunciar a creación do premio “Arzuán do ano”, un galardón que nace coa pretensión de homenaxear a aquela persoa ou grupo de persoas do municipio que teñan amosado un compromiso sobresaínte nalgunha boa causa ou ben teñan alcanzado grandes logros no ámbito profesional, cultural, deportivo, educativo… 

O premio marca ademais un punto de referencia para a posta en valor do traballo ben realizado e das metas alcanzadas, motivando aos demais a esforzarse para lograr a excelencia.

O Concello de Arzúa elixiu a celebración da Festa do Queixo como a data idónea para a entrega da distinción, posto que a festa asimila uns valores moi similares aos que se toman en consideración para a elección dos premiados: un arduo traballo, vistosidade, grande esforzo, plena dedicación e moitos outros.

Para a primeira edición deste galardón, cuxa entrega coincidirá coa 41 edición da festa, o Concello de Arzúa entregará o premio “Arzuán do ano” ao clube de fútbol Casino Sociedade Deportiva Arzúa.

Vedra - Obradoiros de Artes Plásticas arredor da Camelia

¿Eres creativo/a? ¿Gústanche as artes plásticas? Pois non dubides en anotarte nos obradoiros Artes Plásticas con Camelia, onde se traballará o debuxo, a pintura, o modelado... todo isto con materiais de reciclaxe e co elemento clave destes obradoiros e deste concello: a camelia, a nosa flor.

Obradoiros para nenos e nenas, pero tamén para maiores.
Últimos días para inscribirte.


Faino XA no teléfono 981-81-46-91 ou a través do correo electrónico cultura@concellodevedra.com

Ames - A conselleira de Infraestruturas presenta un plan de mellora da estrada AC-544 que une Bertamiráns e Negreira

Onte a consellería de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, presentou en Bertamiráns un plan de reforzo de firme nas travesías das estradas AC-544 en Bertamiráns (Ames), AC-445 en Fisterra e a Anchoa (Fisterra), AC-455 en Portomouro (Val do Dubra) e AC-196 en Ponte Nafonso (Outes), que se enmarca dentro do Plan MOVE (Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica). Deste xeito, mellorarase o firme dun treito de 1.100 metros da estrada AC-544 que une Bertamiráns e Negreira. A conselleira estivo acompañado do alcalde de Ames, José Miñones, do concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e do concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil. A este acto tamén asistiu o concelleiro do grupo municipal popular Francisco Javier Olmo.
A localidade de Bertamiráns foi o lugar escollido está mañá como escenario da presentación dunha nova actuación da Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia, que consistirá no reforzo e mellora do firme da travesía da estrada AC-544, que une Bertamiráns e Negreira. Nesta actuación a Xunta de Galicia investirá un total de 521.647,13 euros. O plano do proxecto, no que se mostra o tramo de 1,1 km no que se realizará a actuación, foi explicado polos técnicos da Consellería, ante a atenta mirada da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, do alcalde de Ames, José Miñones e dos concelleiros de Obras e Educación de Ames, Blas García e David Santomil. 

Esta mesma mañá foi publicado no DOG o anuncio de licitación destas obras, que inclúen ademais actuacións nos concellos de Val do Dubra, Fisterra e Outes. No citado tramo do municipio de Ames procederase non só á mellora do firme, senón tamén á drenaxe do mesmo e á colocación de sinalización, ao tratarse da estrada que corre paralela ao CEIP da Maía e ao IES de Ames. O alcalde agradeceu a visita da conselleira e a elección de Bertamiráns como escenario para a presentación do proxecto, indicando que "toda obra que reforce a seguridade viaria e contribúa ao mantemento das infraestruturas no municipio é benvida".

José Miñones solicitoulle á conselleira que as obras que se leven a cabo inclúan, ademais do firme da estrada, as dúas beiravías para evitar desniveis. Unha petición que, como recalcou, "lévase facendo dende hai xa tempo". Rexedor e concelleiros achegáronlle á conselleira a petición de aproveitar as obras para reforzar as medidas de seguridade da contorna dos centros escolares do CEIP A Maía e do IES de Ames. Neste senso, invitouse aos técnicos da consellería ás probas que se realizarán a vindeira semana na dársena de autobuses do CEIP A Maía e do IES de Ames, para ordenar o tráfico de vehículos e mellorar a seguridade viaria nesa zona escolar. 

Ademais, o rexedor municipal aproveitou a ocasión para comentarlle a Ethel Vazquez varias das peticións e preocupacións do goberno municipal en torno ás infraestruturas municipais. Deste xeito, falaron da solicitude feita para instalar barreiras de control de velocidade nas inmediacións do CEIP de Barouta, entre outros asuntos.

Solicitude dunha xuntanza coa conselleira de Infraestruturas 

O alcalde de Ames lembrou que "dende hai un tempo se lle solicitou á consellería de Infraestruturas unha reunión para tratar estes e outros temas, entre eles a mellora do servizo de transporte metropolitano no concello" e que, dende o consistorio, se espera que se realice o antes posible. 

A conselleira de Infraestruturas adiantou que se agarda o comezo das obras de mellora do firme da AC-544 a principios do verán, de forma que non coincidan co curso escolar. Adiantou, ademais, que a empresa concesionaria da AG-56, que ten un carril cortado ao seu paso por Bertamiráns debido a un derrubo de terra por mor dun temporal, comezará as obras "dentro de poucas semanas". Sobre este asunto Miñones insistiu en que “dende o goberno o que se está defendendo é que a solución adoptada sexa a máis segura é fiable para que non se volva a producir ningún desprendemento de terra neste noiro da AG-56”.

Santiago - Visita do alcalde a Fundación Eugenio Granell

O alcalde visitou one a sede da Fundación Granell, no Pazo de Bendaña, para coñecer os valiosos fondos da entidade. Martiño Noriega estivo acompañado no percorrido pola directora da Fundación e filla de Eugenio Granell, Natalia Fernández Segarra.

O alcalde puido coñecer a biblioteca persoal de Granell, agora custodiada no Pazo de Bendaña, e formada por ducias de libros, moitos deles con anotacións do artista. Boa parte dos volumes están dedicados ao surrealismo e á política, as dúas paixóns de Granell. Martiño Noriega tamén visitou o arquivo da Fundación, onde se gardan cartas, manuscritos, e borradores de libros que aínda non foron publicados.

A visita continuou pola sala de restauración da Fundación Granell e polos distintos almacéns, que conservan boa parte das máis de 1.700 pezas asinadas polo artista surrealista ao longo da súa vida. O alcalde tamén puido coñecer algunhas curiosidades, como as notas persoais que Eugenio Granell lle deixaba á súa muller, Amparo Segarra, e que son pequenas obras de arte.

Martiño Noriega lembrou o compromiso do Concello coa Fundación Granell, á que lle fai cada ano unha achega directa de 140.000 euros. A esa cifra hai que sumarlle os 90.000 euros que o Consorcio aporta á entidade.

Ordes - Este sábado Feirón da Adina en Mesón do Vento

Mesón do Vento acollerá este vindeiro sábado, 20 de febreiro, unha nova edición do Feirón da Adina. 

O protagonismo recaerá nos galos e galiñas de Mos, que poderán adquirirse en postos especialmente instalados para a ocasión. Ademais os establecementos do pobo exaltarán as propiedades culinarias destes exemplares ao ofrecer degustacións de balde con cada consumición. 

Con esta nova celebración o centro do pobo será unha vez máis lugar destinado á venta de gando vacún, apeiros labregos e productos hortofrutícolas provintes das fincas da contorna. Roupa, queixos, doces, empanadas, churros, xoguetes, cestos de vimbio, artesanía etc, tamén terán cabida no mercado que arrancará a iso das 9.30 ata a hora do xantar.

Brión - Pleno de febreiro

A unanimidade foi a protagonista do pleno ordinario de onte en Brión, xa que todos os acordos foron adoptados co apoio dos tres grupos municipais. Unha sesión na que se ratificou a adhesión do Concello de Brión á Addenda do Convenio para a Creación e Implantación dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES), polo que se prolonga a prestación deste servizo ata o 31 de decembro de 2018, así como os contratos do persoal.

O Concello de Brión achegará 52.000 euros anuais para o mantemento deste servizo, que se suman ás achegas da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial da Coruña. O alcalde de Brión, José Luís García, explicou que o mantemento do GES “suporá un incremento do gasto municipal pero consideramos que é un servizo de interese para a nosa veciñanza”. 

O GES de Brión atende as emerxencias municipais dos concellos de Brión, Ames, Negreira, Lousame e Noia, tales como lumes forestais ou urbanos, asistencia en accidentes de tráfico... A maiores, en Brión tamén realiza outros servizos como actuacións preventivas de lumes forestais, actuacións en situacións de risco (temporais, nevaradas...), limpeza e retirada de obxectos nas estradas, actuacións de prevencións de pragas (entre elas a retirada de niños da vespa velutina), colaboración con Protección Civil en casos de aglomeración de persoas...

Pago a provedores: -7,53 días

O pleno tamén aprobou o novo regulamento e a nova ordenanza fiscal da escola infantil municipal de Brión, que abrirá de luns a venres en horario continuo de 7:30 a 19:00 horas. José Luís García explicou que o cambio na ordenanza fiscal vén motivado polo feito de que “a pesar da baixada das achegas da Xunta, pensamos que os tramos que se establecían para as familias non eran xustos porque, por exemplo, pagaban o mesmo unha familia cun IPREM mensual de 500 ca outra familia con 800. Agora, as familias con menos ingresos pagarán menos”. García indicou que “a que menos pagará serán 5 euros e as familias con hipoteca ou aluguer poderán descontalo do IPREM” (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples).

O pleno tamén aprobou a proposta da Alcaldía sobre o Plan de Aforro e Investimento (PAI) 2016, que se destinará a amortizar os préstamos do Concello; e a corrección dun erro na suma de dous conceptos nun dos proxectos incluídos no Plan de Accións Social 2015, aprobado en decembro (cunha diferencia de 98 euros motivada por un erro na suma dos gastos xerais e do beneficio industrial). Ademais, derogouse a ordenanza reguladora da taxa pola prestación do servizo de apoio psicoterapéutico e estimulación/reeducación da linguaxe, que non ten demanda dende hai anos; e deuse conta da situación de cumprimento de obrigas de comunicación trimestral da execución do orzamento, do informe de morosidade e do período medio de pago. O Concello de Brión non ten ningunha factura recoñecida pendente de pago e o período medio de pago é de -7,35 días.

Centro de Saúde

Ao non terse presentado mocións por parte de ningún grupo municipal, o alcalde respondeu a unhas preguntas do BNG sobre a situación do centro de saúde de Brión. José Luís García explicou que o Concello é consciente da situación, polo que en outubro de 2015 se realizou unha reunión coa dirección do centro de saúde así como unha visita dos técnicos municipais que deu pé a un informe do arquitecto municipal sobre a situación do inmoble. De acordo co devandito informe, o inmoble presenta graves problemas de humidades, sobre todo na zona norte (a área de pediatría), e que non son un feito aillado, senón que se reproducen cada vez que chove.

O alcalde brionés explicou que “o Concello fai actuacións de mantemento de xeito períodico pero o problema é da cuberta, derivado dunha mala execución”. Ese mesmo mes de outubro, o Concello informou da situación á Consellería de Sanidade, que en decembro enviou a unha técnica a visitar o centro de saúde de Brión. Tras a inspección, a técnica recoñeceu que o problema vén derivado dunha incorrecta execución da cuberta do edificio, polo que lle corresponde á Xunta de Galicia acometer o arranxo.

“Temos o compromiso da Consellería de Sanidade de que vai arranxar a cubgerta do centro de saúde de Brión nos meses de verán e nós o vemos razonable”, indicou José Luís García, quen engadíu que “nós seguiremos con actuacións de mantemento e pintado ata entón. O próximo farémolo a semana que vén”. 

De acordo co informe do arquitecto municipal, o cano interior para o desaugue das pluviais non ten a pendente necesaria para evacuar a auga, polo que queda retida na cuberta do edición. Ademais, tamén se especifica que non ten a altura precisa para resultar efectivo.


Finalmente, o alcalde anunciou que a Dirección Xeral de Patrimonio vén de autorizar a colocación dunha varanda de seguridade na contorna da Casa da Cultura, que o Concello de Brión leva reclamando dende hai dous anos. Neste sentido, García agradeceu a colaboración desinteresada do arquitecto César Portela, pois Patrimonio esixía que a solución fose elaborada por Portela, que foi quen deseñou a restauración dos inmobles que rodean a carballeira de Santa Minia.