Sánchez-Brunete alerta dunha posible “emboscada sancionadora” no acceso ao Casco Histórico

O concelleiro popular teme que, ante a falta de información, se poidan estar xerando sancións reiteradas contra os condutores que non se decatan da instalación
15/5/2016 - O concelleiro do Grupo Municipal do PP, Alejandro Sánchez-Brunete, sospeita dunha nova “batida recadatoria” do Goberno municipal, esta vez pola activacións das cámaras lectoras de matrículas da rúa San Francisco e de Porta Faxeira. Neste senso, explica que, ante a falta de información ao respecto por parte do concello, “pódese estar xerando un número desatado de multas contra os condutores”. Tal e como recorda Sánchez-Brunete, a finais do ano pasado, o executivo local activaba un sistema de control nos accesos ao Casco Histórico, sen levar a cabo antes unha campaña de información aos veciños, unha ausencia que se prolongou ao longo destes meses.

“Podemos estar antes unha emboscada sancionadora do goberno, para saciar de novo o seu apetito recadatorio”, subliñou Sánchez-Brunete, quen acusa a Compostela Aberta de instalar as cámaras lectoras con “nocturnidade e aleivosía”, isto é, sen a suficiente difusión dos efectos sancionadores dos novos dispositivos. “Primeiro, foron os vados -continuou o representante popular-; e, agora, probablemente, sexan as multas masivas polo acceso a través destes dous puntos concretos á cidade histórica”. O grupo popular teme que, ante a falta de información, se poidan estar xerando denuncias reiteradas sobre uns mesmos condutores que non se decatan da instalación.

Por iso mesmo, insta ao concello a que faga público o número de vehículos  sancionados desde a posta en marcha do sistema de control, con fin de se hai que reconsiderar a súa activación ou levar a cabo unha campaña de información ao cidadán.

Neste senso, recorda que, o pasado mes de marzo, o grupo popular presentou xustamente unha pregunta escrita interesándose pola posta en marcha das cámaras nestes dous puntos de entrada ao Casco Histórico e solicitando o número de sancións tramitadas postas ata ese momento.

“Un número alto de denuncias poría en evidencia que o único fin deste goberno non é o de reducir eses accesos rodados, senón o de facer caixa”, subliña Sánchez-Brunete, quen lamentou, ademais, a negativa do goberno a facilitar dita información ao grupo popular. “Sería moi grave descubrir que Compostela Aberta calou durante meses e ocultou datos, pese a ter coñecemento de que un alto número de cidadáns non se decataban da existencia dun sistema xerador de multas”, lamentou. “O único obxectivo dun control de accesos deste tipo -finalizou- é o de reducir o tráfico polo casco histórico, non o de recadar a base de sangrar aos cidadáns”.

Ningún comentario: