19/5/2016 - O Goberno municipal lembra que xa hai lugares reservados para esta función e esixirá ás empresas de pompas fúnebres que os empreguen. A medida responde ás numerosas queixas recibidas por esta práctica irregular e contraria á normativa
O Concello de Lalín, logo de terlle solicitado en varias ocasións ás empresas funerarias que desenvolven a súa actividade no termo municipal que utilicen os espazos habilitados para a colocación de esquelas, creará unha listaxe dos puntos reservados para esta finalidade, co obxectivo de erradicar a colocación en lugares inapropiados.
O Concello elaborará o rexistro dos espazos adaptados tras constatar que moitas destas empresas seguen a utilizar lugares non autorizados para a colocación das necrolóxicas. O alcalde de Lalín lembra que este tipo de prácticas constitúen un incumprimento flagrante da ordenanza de medio ambiente e anuncia que, unha vez creado o rexistro, o Concello poderá sancionar, tal e como está estipulado, a aquelas compañías que vulneren a normativa.
Rafael Cuíña explica que a medida responde ás numerosas queixas veciñais polo deterioro estético que a colocación masiva de esquelas en diferentes zonas supón para Lalín. Ao mesmo tempo, insiste en que a ordenanza municipal de Medio Ambiente impide pegar cartelería en árbores, fachadas, muros ou outros elementos da vía pública, de modo que o Concello permanecerá vixiante ante as malas prácticas, podendo multar ás empresas que ensucien o vila. Tamén se controlarán os incumprimentos nas zonas rurais, onde se colocaron nos últimos meses varios soportes especiais para a ubicación de necrolóxicas e outros elementos anunciadores.
Ningún comentario:
Publicar un comentario