19/5/2016 - Por segundo ano consecutivo, Cruz Vermella organiza o espectáculo "Maxicómicos" o 20 de maio no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela (Rúa do Preguntorio, 23)
O 20 de maio ás 20.30 horas o Auditorio Abanca de Santiago de Compostela acollerá "Maxicómicos", un espectáculo de maxia e humor para todos os públicos co que Cruz Vermella quere involucrar á cidadanía na loita por un mundo mellor. "Maxicómicos" contará coas actuacións dos magos Adry e Marco, o malabarista Roi ou Cagabolas, e os monologuistas Pepo Suevos, David Noya, Pepe Capelan e Luís Miguel Pousada Souto, así como o Mago Vituco, que ademais de conducir a gala é un dos artífices deste evento solidario.
Vituco organiza espectáculos de maxia en eventos, actúa para nenos hospitalizados e tamén é voluntario de Cruz Vermella na área de emerxencias desde hai 24 anos. ?O equipo de Cruz Vermella tiña ganas de visibilizar todo o que fai e que a xente entenda o importante que é para a asemblea a venda de boletos do Sorteo de Ouro, porque os fondos destínanse integramente ao traballo que desenvolvemos aquí, en Santiago, con persoas que están a pasar algunha situación de dificultade ao noso lado?, explica o mago.
A través da maxia e o humor podemos soñar con outros mundos posibles, pero ademais, con este espectáculo, podemos axudar a que se fagan realidade. Primeiro, pola contribución económica a través de cada entrada, o que nos permite desenvolver os nosos proxectos sociais; e despois, porque os adultos podemos aproveitar este espazo para explicar aos máis novos outras realidades, pasar un bo intre con eles e educar en valores, algo fundamental hoxe en día?, sinala Santiago López Insua, coordinador da asemblea de Cruz Vermella en Santiago. Merendas saudables ou kits de material escolar para menores e risco de exclusión, kits de hixiene ou de alimentación para persoas en vulnerabilidade extrema, actividades de promoción do envellecemento activo como a gerontogimnasia ou o Espazo de Procura Activa de Emprego que Cruz Vermella pon a disposición dos veciños de Santiago, son só algúns dos proxectos que poden seguir funcionando grazas á colaboración cidadá.
As entradas teñen un custo de 10? e con cada unha delas, a organización entrega un boleto do Sorteo de Ouro de Cruz Vermella, que se celebrará o próximo 21 de xullo. No caso dos menores, a entrada custa 5?. Tamén se sorteará entre os asistentes dous circuítos spa no Hotel Spa A Quinta dá Auga. Ademais, o evento conta co patrocinio de Abanca, o Concello de Santiago e Cadea SER Radio Galicia.
As entradas pódense adquirir na sede de Cruz Vermella na Avenida de Lugo, no email santiago@cruzroja.es, o teléfono 981 58 69 69, ou o mesmo día no Auditorio Abanca.
A "maxia" que a cidadanía fai posible
Maxia sobre o escenario, pero tamén fóra del, porque grazas ao compromiso de 3.185 socios e socias e 270 persoas voluntarias, Cruz Vermella logrou apoiar a 1.700 persoas en risco de exclusión na comarca de Santiago durante o 2015. O colectivo maioritario confórmano as persoas en vulnerabilidade extrema (754) a quen non só se entregan axudas senón que se traballa con eles na procura de solucións a medio prazo, seguido de persoas maiores (447) e persoas desempregadas (265), ademais de persoas inmigrantes e a infancia en dificultade social. A maiores disto, Cruz Vermella Mocidade acompañou a 700 menores hospitalizados e levou a educación para a saúde a un milleiro de mozos da comarca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario