Ames inicia un proceso de participación para definir o modelo de xestión da Escola Municipal de Música

20/5/2016 - O goberno municipal mantivo unha reunión cos profesores/as e cos pais/nais do alumnado. A través destes encontros preténdese definir o modelo de xestión da EMMA
Nas reunións que se celebraron ata o de agora falouse da situación do centro de usos múltiples de Aldea Nova, lugar onde se imparten as clases da escola de música, e da situación laboral do profesorado. Ademais, proximamente convocarase unha xuntanza cos grupos políticos municipais da oposición para avanzar neste mesmo senso.

O Concello de Ames aposta claramente pola continuidade da Escola Municipal de Música de Ames, pero seguindo explica o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, “é necesario facer unha serie de actuacións para potenciar este servizo municipal que xa leva funcionando once anos. Deste xeito, abrimos un proceso de participación e consulta con todos os axentes implicados na EMMA, como son o profesorado, o alumnado e mailos membros dos partidos políticos con representación na corporación”.

Para iso, o goberno municipal mantivo unha xuntanza cos profesores/as e cos pais e nais dos rapaces e rapazas, que son usuarios/as deste servizo, co obxectivo de abordar varios asuntos que son fundamentais para a mellora do funcionamento da EMMA. Ademais, proximamente convocarase unha xuntanza cos grupos políticos municipais da oposición para avanzar neste mesmo senso. 

“Primeiro mantivemos unha reunión cos profesores/as, cos que se veñen facendo xuntanzas periódicas, para falar sobre a súa situación laboral, e este mércores, 18 de maio, reunímonos cun amplo grupo de nais e pais de alumnos/as da escola de música, dentro deste proceso de participación que iniciamos dende o goberno municipal”.

Nestes encontros, o concelleiro de Educación e Cultura informou sobre a situación na que se atopa o centro de usos múltiples de Aldea Nova, lugar onde se imparten as clases da EMMA. Cómpre lembrar que a finais do mes de decembro de 2015 asinouse un contrato de alugueiro para que o Concello puidera seguir usando os 12 locais do Centro de usos múltiples de Aldea Nova. Este contrato ten unha duración de 6 anos, e ao seu remate o Concello de Ames terá a posibilidade de adquirir estes locais. A regularización desta situación permitirá que a empresa Ruafer se encargue de acometer varias obras de mellora nas aulas da EMMA.

Preténdese incrementar a oferta existente

“A través deste proceso de participación e consulta pretendemos saber o tipo de escola que queremos desenvolver e como debe funcionar. Por iso abrimos este proceso que terá unha duración dun ano. Para o próximo curso non se introducirá cambio algún na EMMA, así teremos un tempo máis que suficiente para definir o modelo de xestión que queremos implantar de cara ao curso 2017-2018. O noso obxectivo é poder ampliar o número de usuarios e profesorado, así como incrementar a oferta de actividades existentes”, explica Santomil.

A intención do goberno municipal é facer unha consulta doutros modelos de xestión que hai noutros concellos da contorna e que poden consolidar a actividade da EMMA, así como incrementar a oferta existente. Santomil incide en que “ata o de agora regularizamos a situación dos locais onde se imparten as clases da escola de música e tamén compramos diverso material que era necesario”.

Por último, o concelleiro de Educación e Cultura animou aos pais e nais dos alumnos/as da EMMA e constituírse como unha asociación de usuarios/as ou como unha ANPA para dispor dun órgano interlocutor e favorecer o tecido asociativo municipal.

Ningún comentario: