Deste xeito se conmemora o Día Internacional dos Museos, A visita comezará ás 18h00, con entrada libre.
17/5/2016 - Desde o ano 2014, Pepe Cáccamo e Baldo Ramos manteñen un intenso diálogo reflexivo e creativo. librosconversos é a cuarta mostra dese labor de dobre autoría en proceso aberto.
Este proxecto expositivo xorde como un diálogo entre creación literaria e creación plástica. Escollendo poemas da nosa tradición poética clásica e contemporánea, ou ben encargándolle a algúns autores textos que dialogaran coas súas pezas plásticas, van fiando estes dous poetas e artistas plásticos un diálogo entre a literatura como contido e o libro como continente. Libros de artista, libros-obxecto, libros intervidos, libros-escultura entran na poesía, reescríbena, amplifícana, agóchana, establecen puntos de contacto que propician unha dialéctica de ida e volta: desde o poema ao libro e desde o libro ao poema.
Mestizaxe de voces, de olladas, de libros que se abren para convidar ao lector a que entre nese diálogo que nunca remata.
PEPE CÁCCAMO | Vigo | 1950
A finais dos anos 80, Pepe Cáccamo comezou a ensamblar obxectos a partir de refugallo de ferro, madeira e plástico. Foi inicialmente unha ocupación que non procuraba comunicación pública e que dialogaba coas procuras de cerna surrealista actuantes no substrato da súa poética discursiva. No seu primeiro ciclo de obxectos ensamblados – expostos, entre outras, nas galerías Ad Hoc de Vigo e Citania de Santiago– pode percibirse unha liña expresiva que combina as poéticas do surrealismo e a arte povera coas do kitsch de intención crítica e irónica. Unha pausa creativa de sete anos a partir de 1995 serviulle para ir preparando unha mudanza de rumbo cara aos territorios da Poesía obxectual.
Desde o ano 2006, coa serie titulada Underwood, comezou a amosar os seus libros abertos e un conxunto de máquinas de escribir deconstruídas, intervidas.
BALDO RAMOS | Celanova | 1971 Poesía e plástica conviven no seu traballo como unha invitación ao diálogo, á mestizaxe, á fusión. Autor de trece libros de poesía, será Raizames (2001) o que abra un ciclo que se pecha con Cartografía do exilio (2014). Nos últimos anos ten propiciado colaboracións con outros artistas e escritores que teñen dado como froito diferentes proxectos expositivos e literarios: Muere el pájaro en el aire (2010) con Mónica Doldán, Os ollos das palabras (2012) con Caxigueiro, Onde beben os cervos que amansou o calígrafo (2014) e As raiceiras do frío (2016) con Carlos González Villar, CaRa inversa (2014) e VisualconVersa (2016) con Pepe Cáccamo e 1+1=3 (2015) con Franck Meyer. Os seus libros de artista teñen sido expostos nas galerías Borrón 4, Isadora, Citania, AC ArteContemporáneo, Rodrigo Juarranz, Clérigos, Bus Station, Marisa Marimón, Metro ou Galería Circular e en feiras de arte como Espacio Atlántico, DEARTE Contemporáneo, Art Madrid ou Arteando.
librosconversos exhíbese no Museo do Pobo Galego ata o 12 de xuño
Horario: de martes a sábado, 10h30 a 14h00 – 16h00 a 19h30
domingos e festivos, 11h00 a 14h00
Entrada libre
Ningún comentario:
Publicar un comentario