Lalín vixiará a construción de muros e peches sen licencia

O concelleiro de Urbanismo lembra que para realizar este tipo de actuacións é necesario garda os requisitos que marca a normativa. González Casares argumenta que “non se trata de poñer multas senón de concienciar á xente de que hai que respectar as normas urbanísticas”
16/5/2016 - A concellería de Urbanismo vai poñer en marcha nas vindeiras semanas un plan de inspección para tratar de detectar a construción de peches de fincas e muros para os que non se solicitou a pertinente licencia municipal. O edil Nicolás González explica que esta medida se adopta despois de que se percibise unha ralentización no número de peticións que entran no Concello para acometer este tipo de obras. 

“Sen embargo”, prosegue o concelleiro de Urbanismo, “si vemos que se están realizando actuacións en diferentes puntos do municipio para as que non se solicitou licencia”. Ao mesmo tempo Casares lembra que para pechar unha finca ou facer un muro é obrigatorio solicitarlle ao Concello os permisos necesarios. Esta é unha norma que rexe tanto para solo de núcleo, como rústico ou urbano. 

O tenente de alcalde recorda ademais que o PXOM marca os requisitos que deben ter estas estruturas canto a características dos materiais cos que se poden facer como canto a distancias. O edil de Urbanismo indica que “non se trata de poñer multas senón de ser conscientes da necesidade e obrigatoriedade de respectar as normas urbanísticas e solicitar as licencias municipais, moito máis cando este tipo de actuacións non supoñen un custe demasiado elevado para os veciños”. 

De cara a elaborar este plan de inspección a concellería vai deseñar nos próximos días arase un calendario de visitas polas parroquias de Lalín. A intención é que esta iniciativa se desenvolva de aquí a finais de ano, é dicir, durante os vindeiros seis meses aproximadamente. Unha das cuestións ás que se prestará maior atención, tal e como apunta Nicolás González Casares, é nos peches realizados no entorno dos camiños públicos municipais, “onde se percibe de maneira máis evidente que non se respectan os retranqueos que estipula a normativa”.

Ningún comentario: