18/5/2016 - Trátase dunha feira de artesanía, arte e gastronomía artesanal na que participarán expositores de todo o mundo.
Máis de 100 expositores de Galicia e do resto da xeografía española e de países como Portugal, Colombia, Polonia, Reino Unido ou Francia, presentarán as súas creacións nunha contorna única situada fronte á fachada norte da Catedral.
Na feira poderase atopar artesanía de calidade, onde se combinan tradición e innovación, de mans dos seus propios creadores, unha mostra de arte que reúne desde artistas locais ata creadores con fama internacional e diferentes variedades gastronómicas como pasteis, doces, queixos, pans e empanadas, mel, cervexas artesanais, produtos gastronómicos e cosméticos realizados co famoso allo negro ou o único sal do mundo con denominación de orixe.
Durante os 11 días de feira, San Martín Pinario será o punto final dos percorridos turísticos a pé polo centro histórico grazas ao acordo coa Asociación Profesional de Guías Turísticos de Galicia, garantindo así superar o 34% de visitantes internacionais alcanzado na primeira edición.
Os miles de visitantes poderán enviar as súas compras con total garantía, desde o propio recinto, a calquera parte do mundo, xa que a feira contará cunha caseta da empresa MRW que creou unhas tarifas especiais que facilitará a experiencia de compra aos turistas.
A gran afluencia de público en Santiago durante o mes de xullo e o recinto cuberto aseguran o bo desenvolvemento do evento, sen verse influído polas condicións climatolóxicas. A mes e medio da feira, o 85% da superficie de exposición está cuberta quedando moi poucas casetas dispoñibles.
Arteysan terá talleres demostrativos e máis de 50 talleres participativos tanto para nenos (moitos son gratuítos) como para adultos. Cestería, feltro, gravado, vidro, pintura, cómic, papel, encadernación? ata a opción de pintar un cadro nunha tarde. A inscrición para os talleres está aberta ata o 17 de xuño e débese realizar desde a web do evento (www.arteysan.com).
Xa se confirmaron 9 concertos gratuítos de diferentes estilos musicais, folk, rock, soul, blues, jazz? Grupos como The Lakazans, Puntada sen fío, Nastasia Zurcher, Prexton ou Marmota Phil, amenizarán o final das tardes de Arteysan, no espectacular patio do claustro do mosteiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario