20/5/2016 - A Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa, en adiante LOMCE, aprobouse no parlamento español o 28 de novembro do ano 2013 a pesar de ser rexeitada pola case totalidade dos grupos políticos parlamentarios. Esta é unha lei que dende o primeiro momento suscitou desaprobación, non só por parte dos grupos políticos, senón tamén da comunidade educativa en particular e da sociedade en xeral. A lei entrou en vigor no curso 2014-15 para os cursos de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria e 1º de Formación Profesional Básica, mentres que ao ano seguinte, no curso 2015-16, introduciuse nos cursos de 2º, 4º e 6º de Primaria, 1º e 3º de ESO, 1º de Bacharelato e 2º de FP Básica.
O grao de implantación desta lei non está sendo igual en todas as comunidades autónomas, pois gran parte delas manifestaron no seu momento que non cumplirían os prazos establecidos por non estar a favor. Porén, Galicia atópase entre os territorios onde a implantación da lei se está realizando na súa totalidade a pesar das mobilizacións e das manifestacións en contra por parte de colectivos, da comunidade educativa e de diversos grupos políticos que se levan realizando xa dende a aparición do anteproxecto. A máis recente foi a xerada na gran maioría dos centros educativos galegos o pasado 11 de maio en relación á proba externa de Primaria orientada ao alumnado de 6º curso. Catro de cada cinco nenos/as que cursan 6º non acudiron aos centros a examinarse desa proba de avaliación que a LOMCE establece para esta etapa de formación.
A LOMCE é unha lei imposta e retrógrada, unha lei que se aprobou sen debate previo e sen ter en conta a comunidade educativa. Ademais, presenta un enfoque mercantilista, pois supedita a educación a uns intereses económicos ao antepoñer as necesidades dos mercados á formación de calidade mediante a supresión de materias consideradas de “pouca utilidade”, como Educación para a Cidadanía ou incluso Filosofía, que perde a súa condición de troncal en 2º de Bacharelato. É, así mesmo, unha lei que avoga pola privatización do sistema educativo, pois permite crear centros privados con recursos públicos e outórgalle un papel subsidiario á escola pública e, ademais, suprime as competencias da comunidade educativa na xestión dos centros ao optar por unha dirección unipersoal nomeada pola Administración.
Os cambios principais desta reforma responden a un pensamento neoliberal ao introducir itinerarios que segregan o alumnado xa dende os 13 anos, devalúa a Formación Profesional e converte a educación nunha carreira de obstáculos e nunha competición continua grazas, sobre todo, ás reválidas, pois os resultados acadados polos centros establecerán clasificacións ou ránkings que unicamente servirán para crear diferenzas e para excluír. Estas probas avalían unicamente as competencias lingüística, matemática e tecnolóxica en detrimento doutras materias do currículo, clasifican o alumnado xa dende a Educación Primaria ao reflectírense os resultados das probas no seu expediente, non se adaptan ao alumnado con máis dificultades e, ademais, desautorizan o profesorado ao non ter en conta a avaliación que este fai do alumnado de forma continua ao longo do curso.
Dende o goberno municipal de Lalín consideramos que unha lei como a LOMCE pon en perigo a existencia dun ensino público e de calidade, xa que non asume o compromiso de aumentar o nivel de formación de todo o alumnado nin tampouco garantiza unha mellor calidade educativa.
Por todo o antedito, o grupo de Goberno do Concello de Lalín propón ao pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte::
ACORDO
1.- Instar á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a que, dentro da legalidade, minimice todo o posible a aplicación da LOMCE no próximo curso 2016-17.
2. - Instar ao Ministerio de Educación, Cultura e Deportes a que paralice a aplicación da LOMCE.
Representantes de CxL, PSdeG-PSOE, APAC e BNG
Ningún comentario:
Publicar un comentario