Rádio Kalimera cumpre 25 anos e celébrao cunha campaña de crowdfunding

19/5/2016 - Baixo o lema “Ondiñas veñen e van” a radio libre de Compostela busca financiamento para unha nova etapa no Centro Social Autoxestionado do Sar.
A comezos dos 90 nacía en Santiago de Compostela Radio Calimero, xa logo A Kalimera, que igual que o poliño negro escachaba a casca na procura de xustiza no feito comunicativo, democratizar a palabra, apropiarse dela. 

Durante estes anos foron moitas as persoas, as ideas, as músicas, os ruídos e as historias que viaxaron polas ondas da cidade a través da 107.9FM. Tamén foron moitas as rúas e espazos polos que neste tempo transitou o estudio desta emisora rebelde: Vite, os barracóns do Burgo, a Casa Encantada, ... ata chegar nestes últimos anos ao Centro Social da Gentalha do Pichel. Nesta nova etapa a Kalimera múdase ao Centro Social Autoxestionado de Sar. As obras desta nova peixeira, a necesidade dun novo equipo técnico e débedas pendentes son o que levan á Radio Kalimera a experimentar esta forma de microfinanciamento. 

Ademais de apoiar a radio e o seu proxecto hai recompensas ben gorentosas como kits de construcción de emisoras portátiles, libros, fanzines e cursos para asociacións ademais das tradicionais crachás, bolsas, chisqueiros, vasos e camisolas con novos deseños. A meta está en conseguir 3.735€ antes do 9 de xuño e o enderezo da campaña é http://goteo.cc/ondinhas

Ningún comentario: