O Psoe de Ordes consegue o apoio as mocións levadas a pleno

O Concello de Ordes deberá destinar unha partida específica nos orzamentos municipais para axudas a deportistas e equipos deportivos que están levando o nome de Ordes ao máis alto nas distintas competicións, instando ao Concello a desenvolver unha auténtica política do fomento do deporte en Ordes. Así o recolle unha moción dos socialistas de Ordes, que foi aprobada no Pleno Ordinario de onte martes grazas aos votos a favor de PSOE, BNG e UXO e a pesar do voto en contra do Grupo de Goberno, que unha vez máis volveu quedar en minoría e terá que cumprir co mandato plenario a pesar de non compartilo.

“Dende o PSOE ordense non queremos que se caia no erro de que o Concello de Ordes careza dunha auténtica política de fomento e apoio do deporte e que só cando algún deportista ou algún equipo logra acadar algún éxito grazas ao seu esforzo particular, dende o Concello se aproveite a ocasión para sair na foto ou empregar os seus éxitos deportivos con fins propagandísticos”, denunciou a Verónica Gómez, voceira municipal socialista. 

Así mesmo, os socialistas de Ordes tamén sacaron adiante a súa moción sobre a paralización da aplicación da LOMCE, novamente co voto en contra do Grupo de Goberno e grazas aso votos a favor de PSOE, BNG e UXO. A pesar da defensa da lei feita pola concelleira de Educación, o Concello de Ordes deberá dirixirse á Xunta de Galicia para solicitar a paralización inmediata do calendario de aplicación da LOMCE, así como que se supriman as evaluacións (reválidas) de 3º e 6º de Educación Primaria. “No noso concello, moitas das consecuencias da aplicación desta lei estámolas a sufrir coa perda de profesorado, a masificación das aulas, a eliminación da lei de gratuidade dos libros de textos, etc”, lembrou Verónica Gómez. 

Refuxiados

Finalmente, o preámbulo da terceira moción socialista foi aprobada como Declaración Institucional do Concello de Ordes en contra da expulsión de refuxiados, despois do acordo asinado entre a Unión Europea e Turquía. Unha proposta baseada nunha moción do Grupo Parlamentario Socialista que foi aprobada por unanimidade pola Comisión Mixta para a UE do Congreso dos Deputados na que se opón á expulsión colectiva de refuxiados a Turquía ou a calquera estado non membro da UE. 

A voceira municipal socialistas indicou que nos próximos meses estará vixiante para que o Concello cumpra as peticións recollidas polo PSOE de Ordes nesta moción, como son ofrecer o antigo inmoble da Cruz Vermella como instalación dispoñible para o acollemento dunha familia de refuxiados, crear un Rexistro Municipal de Posibles Acolledores de Refuxiados de Guerra no que se poidan anotar todos os veciños e veciñas de Ordes que estean dispostos a acoller refuxiados nas súas vivendas; e que o Concello de Ordes se una á Rede de Cidades de Acollida de Refuxiados

Cemiterio Poulo

Dos dez rogos presentados na sesión, os socialistas instaron ao Concello a que solicite á Consellería de Educación o arranxo inmediato dos problemas do CEIP Castelao, onde chove dentro dunha aula, e a reparación do ascensor do IES Nº 1 de Ordes. Tamén solicitaron a reparación da Fonte do Esmorís, a reparación das fochancas na pista de Darefe e reiteraron a petición dunha solución ao Ministerio de Fomento aos problemas de auga na N-550, á altura do Mesón do Vento, onde a auga aflora sobre o pavimento e pode supoñer un serio problema de seguridade viaria, ao ser unha zona de xeadas.

Por último, a petición de reforzar a vixianza no cemiterio do Outeiro (Poulo) ou a colocar cámaras de seguridade para impedir que sigan desaparecendo lousas foi rexeitada polo Grupo de Goberno, que argumentou que non se trata dun camposanto municipal e que o último caso de roubos tiveran lugar no 2011. Os socialistas lembraron que é unha situación que vén o ano 2007 e que, pese ás medidas tomadas pola veciñanza, volveu haber desaparicións de lousas a finais de 2015.

Ningún comentario: