Arzúa emprende unha campaña de sensibilización medioambiental

O coidado do medio ambiente é cousa de todos, por iso en Arzúa queren concienciar a todos os veciños e veciñas do importancia de manter unha actitude cívica co medio que nos rodea. Así se inicia unha campaña de sensibilización medioambiental posta en marcha dende o goberno municipal que preside o alcalde José Luis García.

O Departamento municipal de Medio Natural e Sensibilización Medioambiental é o encargado de poñer en marcha unha iniciativa que baixo o lema mellorArzúa O noso concello, a nosa casa trata de concienciar e modificar o noso comportamento no ámbito da reciclaxe. Así reza nun folleto que o Concello distribuirá nos vindeiros días nos domicilios do municipio, deixando tamén exemplares na Casa Consistorial e nos establecementos públicos e cuxo obxectivo é evitar as actitudes pouco cívicas, tanto na vila como nas parroquias, e potenciar os bos usos e costumes respectuosas co medio ambiente. 

A campaña céntrase en diversos ámbitos temáticos cun denomindor común que non é outro que o fomento de actitudes responsables que axuden a conservar e mellorar o noso contorno. 

Das catro áreas nas que se desprega o folleto informativo, unha primeira fundaméntase na concienciación para a reducción dos residuos domésticos; saliéntase a importancia da reciclaxe doméstica, depositando os residuos nos contedores axeitados e reutilizando os materiais na medida do posible. Para que os cidadáns tomen conciencia do imprescindible que é cambiar os hábitos e colaborar para contribuir á conservación e mellora do noso contorno amósanse os datos referentes ao custo do tratamento dos residuos e do servizo de recollida do lixo. As cifras constitúen unha perfecta ilustración do enorme custo dun servizo que pagamos entre todos e que require duns bos costumes e dunha actitude cívica e responsable que permita non danar o medio e aforrar cartos. No ano 2014, o Concello de Arzúa recaudou pola taxa do lixo un total de 213.398,16 euros pero tivo que facer fronte a un custe de 364.473,42 euros; o que repercute nun déficit de máis de 150.000 euros. Estas cifras demostran que hai algo que é preciso cambiar con urxencia e depende de todos nós.

Unha segunda parte da campaña vai encamiñada a promover o uso do Punto Limpo, unha área dotada de contedores específicos para o depósito de diversos tipos de materiais de desfeito. Situado no Parque Empresarial está aberto ao público os luns, mércores e venres en horario de mañá e os sábados ao longo de todo o día ata as 18 horas. 

As rozas e limpeza de parcelas constitúen outro dos puntos clave da campaña que inicia a área de medioambiente municipal, que convida a todos os veciños e veciñas a que presenten unha solicitude no rexistro do concello cando os terreos que linden cunha construcción da súa propiedade se atopen en estado de abandono co conseguinte risco de incedio ou danos; o concello tramitará a solicitude e requerirá ao propietario para que proceda á limpeza do terreo en cuestión, previo informe da policía local. 

A iniciativa incide ademais noutra área de especial relevancia: o abandono de animais. Cando unha persoa ten un animal ao seu cargo ten unha responsabilidade. Os animais precisan do seu espazo, non poden estar atados nen soltos sen control. Todos os cans deben ter un chip identificativo e é obriga dos seus donos recoller os seus excrementos. 

A campaña compleméntase cun cartel ilustrativo na Praza de Galiza e unha intensa campaña publicitaria na Radio Municipal. Dende a área municipal de Medioambiente Natural e Sensibilización Medioambiental, da que é responsable a concelleira Pilar Castro, agardan “unha resposta positiva por parte dos nosos veciños ante esta campaña que agora poñemos en marcha e na que é preciso tomar conciencia de que o coidado do medioambiente, a reciclaxe e o tratamento correcto dos residuos é unha necesidade imperiosa” e incidiu ademais en que “ é precisa a implicación e compromiso de toda a cidadanía para ir cambiando certos hábitos que degradan profundamente o noso contorno” e amosou o seu convencemento en que “ cun pequeno esforzo por parte de cada un de nós lograremos que o noso concello siga conservando as marabillosas paisaxes que o converten no destino verde de Galicia”. 

Esta campaña informativa marca o inicio doutra serie de medidas que o concello irá adoptando nos vindeiros meses, todas elas encamiñadas ao coidado e protección do medioambiente.

Ningún comentario: