A Fundación Eugenio Granell inaugura o vindeiro mércores 6 de abril, ás 20:00 horas, a exposición Philip West. Itinerarios equivocados, que se poderá visitar ata o 15 de maio.
Esta exposición, comisariada por Eduardo Valiña, ten como obxectivo mostrar a través de obras realizadas en diferentes soportes, como Philip West traballa co concepto de territorio, que chega a converterse nunha temática reiterativa do seu discurso.
O espazo relacionase directamente coa idea de itinerario, que dalgún xeito reflicte o devagar vital dun artista que se autorepresenta na idea de camiño, como metáfora dunha premeditada morte prematura.
O corpo preséntase como soporte da senda case tatuada, na cal as veas serven como estradas por onde transita a vida, e mesmo a propia morte. Desta maneira xorde unha confrontación a modo de conflito, no que se loita por recuperar a forza perdida.
Atopámonos diante dunha viaxe a unha cidade imaxinaria, o propio traxecto de West, o seu corpo, que debemos atravesar atacados por tormentas de ras que descenden do ceo trala caída dun meteorito, nunha sesión continua, coma se dun filme se tratara.

Ningún comentario:
Publicar un comentario