O PSOE de Ordes instará ao Concello a reforzar a vixianza no cemiterio do Outeiro (Poulo) ou a colocar cámaras de seguridade para impedir que sigan desaparecendo lousas. “Varios veciños e veciñas de Poulo nos transmitiron a súa preocupación porque no camposanto faltan moitas lousas dos panteóns, situación que xa ten acontecido varias veces no pasado, polo que sería convinte vixiar o cemiterio ou colocar cámaras de seguridade para impedir que esta situación se siga repetindo no futuro”, explica a voceira municipal socialista, Verónica Gómez.
Os socialistas ordenses presentarán esta petición na sesión plenaria de hoxe martes 5 de abril canda dúas iniciativas dirixidas a mellorar as infraestruturas educativas no municipio. Por unha banda, instarán ao Concello de Ordes a que solucione os problemas nas aulas do CEIP Castelao, inundadas a raíz das choivas dos últimos días. Os socialistas instarán ao Concello a solucionar este problema ou darlle traslado á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para que solvente este problema o máis pronto posible.
Así mesmo, o PSOE de Ordes instará ao Concello de Ordes a que lle pida á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a revisión e reparación inmediata do IES Nº 1 de Ordes. “O ascensor leva varios meses sen funcionar”, denuncia Verónica Gómez, quen lembra que “esta situación é inconcebible nun edificio público, que non só ten que contar coas instalacións precisas para salvar as barreiras arquitectónicas senón que é obriga do Concello mantelas nun bo estado de funcionamento”.
A ausencia do ascensor está a prexudicar a alumnos e alumnas con mobilidade reducida. “Houbo un rapaz que rompeu unha perna e, de non ser pola boa vontade de todos os seus compañeiros que mudaron a clase para a planta baixa, non podería subir ata a aula onde ordinariamente se imparten as clases”, apunta a concelleira socialista ordense. Ademais, tamén relacionado coa mobilidade, os socialistas solicitarán o pintado de, cando menos, dúas prazas para minusválidos a carón do Centro de Día e da Residencia de Maiores, así como sinalización das prazas de aparcamento na rúa Víctor González Faya
Ningún comentario:
Publicar un comentario