Programación NUMAX do 8 ao 14 de abril de 2016

Estrea en NUMAX de «Lobos sucios», «Encadeados» e «Cemetery of Splendour»

A semana cinematográfica de NUMAX iníciase o venres 8 de abril coa estrea da fita galega Lobos sucios. A nova creación de Simón Casal sitúanos en tempos da Segunda Guerra Mundial, un período histórico no que Galicia xogou un papel estratéxico a nivel internacional por mor da existencia no noso subsolo do wólfram, un mineral empregado polos nazis para o seu armamento. Inspirado libremente en feitos e historias reais, o filme achega «personaxes ao límite nun ambiente de desolación que se ven obrigados a lanzarse a unha aventura épica, de espionaxe e roubo dunha mina, na que se xogan a vida a cada paso e onde xurdirá a maxia, o suspense e a emoción», sinala Simón Casal. Lobos Sucios contará en NUMAX con seis proxeccións, sendo o último pase o xoves 14 de abril.

O propio venres día 8, dentro da sección Repertorio, terá lugar a estrea de Encadeados, unha das incontestábeis obras mestras de Alfred Hitchcock. A partir dun sinxelo argumento propio do cinema de espionaxe, Hitchcock consegue armar unha inesquecíbel trama protagonizada por dous xigantes da interpretación, Ingrid Bergman e Cary Grant, acompañados polo sempre notábel Claude Rains, nomeado ao Oscar ao mellor actor secundario. O propio François Truffaut, na entrevista que deu lugar ao influente texto El cine según Hitchcock, sitúa Encadeados como o seu filme favorito dentro da filmografía do autor británico por ter acadado «o máximo de efectos co mínimo de elementos. Todas as escenas de suspense están organizadas arredor de dous obxectos que son sempre os mesmos: a chave e a falsa botella de viño. De todos os seus filmes este é aquel no que se sente a comuñón máis perfecta entre o que quería conseguir e o resultado da pantalla».

Xa entrada a semana, o mércores 13 de abril, estreamos en NUMAX Cemetery of Splendour, última longametraxe de Apichatpong Weerasethakul, un dos cineastas máis importantes e suxestivos do cinema contemporáneo. A poética ollada do cineasta tailandés lévanos neste caso a un pequeno pobo de Tailandia no que 27 soldados sofren un estraño caso de enfermidade do sono. Segundo o crítico Nando Salvá, «o director tailandés volve facer gala da súa sobrecolledora capacidade para construír imaxes fermosas para retratar a vida nun hospital cuxos pacientes sofren unha misteriosa enfermidade que os condena ao sono». Cemetery of Splendour permanecerá na carteleira de NUMAX unha semana, cun total de seis proxeccións.

Despídense da carteleira de NUMAX

El nome de los árboles, filme no que Ramón Lluís Bande preserva e actualiza a memoria da guerrilla asturiana que combateu o franquismo nos montes de Asturies, terá a súa derradeira proxección en NUMAX o martes 12 de abril.

Tamén se despide da pantalla de NUMAX O conto da princesa Kaguya, unha das últimas obras mestras do Studio Ghibli dirixida polo histórico cineasta nipón Isao Takahata. A última proxección deste cumio da animación contemporánea terá lugar o xoves 14 de abril.

O propio xoves día 14 proxectarase por última vez en NUMAX, Hitchcock/Truffaut, peza documental do norteamericano Kent Jones que rememora e actualiza a entrevista do cineasta francés ao xenio británico que deu lugar ao libro El cine según Hitchcock.

AULA OS OLLOS VERDES #03: CHARLES BURNETT

A terceira entrega da Aula «Os ollos verdes» contará coa participación de Charles Burnett, autor de culto do cinema independente afroamericano. Burnett visita NUMAX o luns 18 de abril ás 17:30 para impartir a clase maxistral «Contra quen pelexo esta noite?», na que afondará na súa traxectoria artística. Ás 20:30 o cineasta presentará en sala o seu filme máis célebre, Killer of Sheep, participando nun coloquio co público asistente.

Lobos sucios

(Simón Casal, 2015)
Manuela é unha mineira rexeitada por ser considerada meiga pero capaz de embarcarse nun roubo aos nazis por tratar de curar a súa filla enferma. Pola súa banda Candela é a súa irmá pequena, que a acompaña nesta grande aventura, na que demostrarán que dúas mineiras galegas puideron mudar o curso da historia da Segunda Guerra Mundial.

Encadeados

(Alfred Hitchcock, 1946)
Tras a Segunda Guerra Mundial o pai de Alicia Huberman, un espía nazi, é condenado por traizón contra os Estados Unidos. Despois do xuízo, Alicia dá unha festa na que aparece un aposto descoñecido chamado Devlin. Trátase dun axente dos servizos de Intelixencia que reclama a súa colaboración para atrapar a Alexander Sebastian, o cerebro dos nazis en Brasil.

Cemetery of Splendour

(Apichatpong Weerasethakul, 2015)
Nun pequeno pobo de Tailandia, vintesete soldados sofren un estraño caso da enfermidade do sono. Unha escola primaria abandonada convértese nun pequeno hospital onde Jenjira Widner, unha señora de mediana idade casada con Frank, un soldado retirado dos Estados Unidos, coida deles. Jenjira colle especial apego a Itta, un soldado mozo que non ten ningún parente.

Programación


Venres 8 de abril

15:45 El nome de los árboles

17:45 Encadeados

Estrea


19:45 Lobos sucios

(VO) Estrea

21:45 Hitchcock/Truffaut

Sábado 9 de abril


12:00 O conto da princesa Kaguya

15:45 Lobos sucios (VO)

17:45 El nome de los árboles

19:45 Hitchcock/Truffaut

21:20 Encadeados

Domingo 10 de abril


12:00 El nome de los árboles

15:45 O conto da princesa Kaguya

18:20 Hitchcock/Truffaut

20:00 Encadeados

22:00 Lobos sucios (VO)

Martes 12 de abril


12:00 Lobos sucios (VO)

15:45 Encadeados

17:40 O conto da princesa Kaguya

20:10 El nome de los árboles

Último pase

22:10 Hitchcock/Truffaut

Mércores 13 de abril


12:00 O conto da princesa Kaguya

15:45 Lobos sucios (VO)

17:45 Encadeados

19:45 Hitchcock/Truffaut

21:20 Cemetery of Splendour Estrea

Xoves 14 de abril


12:00 O conto da princesa Kaguya

Último pase

15:45 Cemetery of Splendour

18:00 Lobos sucios (VO)

Último pase

20:00 Hitchcock/Truffaut

Último pase

21:40 Encadeados

VO: Versión orixinal sen subtítulos | VOSG: Versión orixinal subtitulada en galego

Na Libraría NUMAX


Manifiesto incierto

Frédéric Pajak

Libro sobre Walter Benjamin, sobre o seu pensamento sempre a contraataque, sobre os seus últimos días custodiando unha felicidade fráxil, lendo nos cafés e as praias de Ibiza, mentres desde o continente chegan as noticias do ascenso de Hitler ao poder.

Unha desolación


Yasmina Reza
Unha desolación (1999), a segunda obra narrativa de Yasmina Reza, contén algúns dos temas recorrentes da autora, como a figura do pai ou a presentación de problemas complexos que convidan á reflexión.

Reikiavik


Juan Mayorga
Imaxinemos un taboleiro de xadrez situado ao tempo aquí e en Reikiavik. Os dous homes que se enfrontan, Waterloo e Bailén, en realidade xogan a ser outros: o indómito e xenial Bobby Fischer contra Boris Spasski, tan elegante e sensíbel coma discreto.

Ningún comentario: