A Estrada abre as inscricións ao XX Premio de Poesía Avelina Valladares

Poderán concorrer ao Premio todos/as os/as autores/as de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos acordes coa normativa oficial vixente en lingua galega. Os textos presentados deberán ser inéditos.

O Excmo. Concello da Estrada e a Asociación de Consumidores e Amas de Casa Avelina Valladares, comprometidos e sensibilizados co proceso de creación cultural desexan contribuír á difusión da lírica galega, e ao tempo servir como estímulo para que novos/as autores/as percorran o complexo e en ocasións pouco agradecido camiño da poesía, esa arte literaria de minorías, que historicamente adquiriu en Galicia unha importancia superior ao resto dos xéneros.

Preténdese valorar o traballo do poeta, do médium das artes, do alquimista que tende a ponte entre dous mundos, entre a realidade e a imaxinación, o sólido e o volátil, a terra e o espírito, conseguindo en cada traballo o antigo soño de transformar o chumbo en ouro.

Do mesmo xeito, perseverar no cultivo da lingua galega como sinal de identificación e diferenciación de Galicia e principal patrimonio cultural da nosa comunidade.

Por último, e non menos importante, colaborar coa divulgación da obra da poetisa estradense Avelina Valladares, auténtica precursora, xunto co seu irmán Marcial, do cultivo literario da lingua no século XIX, determinante no rexurdimento do noso idioma como vehículo artístico.

Ningún comentario: